Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Efectivos de Carballo loitan contra a vaga de incendios

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, visitaron este venres en Carballo a sede central do Consorcio Contraincendios e Salvamento da Coruña, cuxos bombeiros están colaborando nas tarefas de extinción da vaga de incendios que afectan ás provincias de Lugo e Ourense.

O presidente da Deputación achegouse ao parque provincial de Carballo para avaliar o dispositivo enviado para colaborar na extición dos lumes de Ourense e Lugo principalmente, que está composto por 50 efectivos e 22 vehículos especializados “para aportar o noso grao de area e a nosa solidariedade”.

O lume, dixo, “non coñece de cores políticas, pero si de ser solidario, e polo tanto puxemos todo o noso esforzo para tentar reducir e minimizar o impacto naquelas vilas e lugares por onde pasou o lume, que arrasou xa 30.000 hectáreas en Galicia e moitas vivendas, máis dun cento, con máis de 1.500 persoas evacuadas, polo que entendo que é unha razón de peso para declarar a zona como catastrófica”, apuntou ó respecto Valentín González Formoso.

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira destacou que a Deputación da Coruña, nos momentos máis duros na Comunidade, “sempre busca colaborar e non confrontar, tratando de poñer os medios dos que dispón para axudar onde se necesite”. “Logo desta axuda xa tocará falar dos sistemas de prevención e doutro modelo de ordenación do territorio, que non converta os montes galegos en gasolina para os incendios. Temos que buscar nos montes abandonados alternativas que fagan deles un medio produtivo e que axude a combater momentos como este”, engadiu Regueira.

Bombeiros dos dez parques comarcais da provincia da Coruña colaboran en quendas no dispositivo de extinción de incendios forestais que afectan Galicia cun amplo dispositivo que tenta frear as consecuencias do lume en varios concellos, moi afectados xa polo lume. Así, a institución que preside Formoso puxo a disposición efectivos persoais e medios de extinción con fin de colaborar nas tarefas de loita contra os lumes que afectan á montaña de ambas provincias.

aspaber. O presidente da Deputación e Xosé Regueira aproveitaron a súa visita a Carballo para entregar un vehículo adaptado á Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber). No acto tamén participaron a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O novo medio de trasporte adaptado permitirá á entidade social dar servizo a 20 concellos da comarca de Bergantiños e a uns 120 usuarios que dependen deste trasporte para acceder aos servizos que presta a entidade social.

Formoso lembrou as convocatorias de axudas para as entidades sociais e as ferramentas que o organismo provincial pon á súa disposición.

22 jul 2022 / 20:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.