Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OBRAS. Unha achega adicional fai que case se duplique o investimento inicial // É un dos máis importantes do Estado // Mellorarase a seguridade na rúa Coruña de Noia, modernizarase o alumeado en Carnota e farase unha senda en Cee TEXTO S. S.

Elévase a 88 millóns un histórico POS que deixará 52,5 na comarca

A Deputación da Coruña aprobou este venres un expediente de modificación de créditos por importe de máis de 61 millóns de euros que inclúe unha achega adicional de 42 millóns de euros para o Plan Único (POS+2022), que se suman ao orzamento inicial, de 45.900.000 €. Así, o orzamento total do plan alcanza os 87.900.000 €, consolidándose un ano máis como o maior plan de financiamento de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. Desa contía, 25,7 millóns investiranse en concellos do entorno de Compostela, 15,7 nos de Bergantiños e Costa da Morte, e 10,9 nos do Barbanza.

Obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras en centros educativos, culturais e deportivos municipais, creacións de xardíns e zonas verdes, construción de parques infantís ou obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais son algunhas das 2.727 obras aprobadas entre 2017 e 2021 con cargo ao Plan Único nos concellos coruñeses, que tamén financian con estes fondos servizos públicos esenciais como o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria.

Ademais, a Deputación aprobou o convenio co Concello de Noia para financiar o proxecto para a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña (que conta cunha elevada actividade comercial e une as vías AC-550 e AC-311) valorado en 84.527 €, dos que aportará 67.621,64 € (o 80 % do orzamento). Os traballos incluirán, ademais da renovación do firme e a reposición da sinalización horizontal, a reubicación de dous pasos de peóns. Noutros tres lugares axustaranse os pasos de peóns para mellorar a súa accesibilidade. Por último, e debido a que en obras anteriores foise subindo a cota do firme sen modificarse a das beirarrúas, realizarase unha escarificación da plataforma para que os itinerarios dos peóns gañen en altura.

Tamén se aprobou cofinanciar as obras do Plan de renovación integral do alumeado público de Carnota, un ambicioso proxecto para renovar por completo estas instalacións e mellorar a efiencia enerxética do municipio cun investimento de 1,3 millóns de euros que conta co apoio económico do IDAE.

A primeira fase deste plan suporá un investimento de 371.000 €, dos que a Deputación achega 59.352 €.

A actuación permitirá renovar as 2.336 antigas luminarias, a maioría de vapor de sodio, e substituílas por novos puntos de luz con tecnoloxía LED, e mellorar os 51 cadros de luz, os postes e as instalacións eléctricas que se atopen en malas condicións.

Asimesmo, o pleno da Deputación aprobou o convenio co Concello de Cee para financiar a construción dunha senda peonil na antiga AC-197 ao seu paso polo núcleo da Ameixenda. A actuación, que está valorada en 110.770 €, dos que a Deputación aportará 88.616 (o 80 %) permitirá mellorar a seguridade no tramo que sae do núcleo cara o sur e finaliza na estrada AC-550 nunha área recreativa que conta cunha vista panorámica da ría de Cee e Corcubión desde onde se divisan o monte Pindo e as Illas Lobeiras.

A senda mellorará tamén a seguridade no acceso a pé da veciñanza ao cemiterio, ao que se dotará de conexión coa traída de augas.

O proxecto inclúe a creación dun itinerario peonil de 640 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, que discorrerá pola marxe dereita da vía. Ademais, instalarase un paso de peóns sobreelevado para reducir a velocidade do tráfico nesta zona, onde está situado un cemiterio, habilitarase o sistema de recollida de pluviais mediante sumidoiros cada 40 metros e instalarase unha canalización de abastecemento que levará auga potable ao camposanto.

Aprobouse asimesmo construír novas beirarrúas e espazo de aparcamento na DP-1601 de Ponte do Porto a Camelle (Camariñas).

Por outra banda, no expediente de modificación de créditos aprobado este venres inclúese tamén unha partida extraordinaria de 5 millóns de euros para a posta en marcha dun novo plan de axudas urxente aos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e de transporte por estrada. Habilitarase así unha liña de axudas directas destinada a microempresas, autónomos e Pemes.

o protagonista
“Temos que facer lectura da realidade”
Xosé Regueira
Vicepresidente da Deputación

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, dixo que “estamos a falar dun dos maiores investimentos no histórico do Plan Único, que ronda os 90 millóns de euros”. En referencia ós 5 millóns inicialmente consignados ó POS que se empregarán para as axudas ós sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte, sostivo que “as administracións públicas temos que facer continuamente lecturas da realidade na que vivimos, que nos parece dabondo dramática, e facer un esforzo para axudar ós sectores que agora o están pasando peor”.

{ a letra pequena }
Cando máis se necesita
Suso Souto

O ESFORZO inversor que está a facer a Deputación da Coruña a través do plan que osixena ás administracións locais en materia de obras e servizos prodúcese precisamente no momento no que máis se necesita apuntalar a obra pública e as prestacións nos concellos. É en época de crise cando as institucións públicas deben redobrar esforzos nese eido, así como habilitar liñas de axudas para sectores estratéxicos en risco. Tamén neste último caso soubo estar á altura a Deputación coruñesa, habilitando unha partida extra de 5 millóns para microempresas, autónomos e Pemes dos sectores agrícola, gandeiro, pesqueiro e do transporte que sufren as consecuencias da desorbitada suba de prezos dos combustibles e da enerxía eléctrica.

26 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.