Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 28 noviembre 2022
23:41
h

Elixirán o mellor vídeo Youtubeiras entre 35 a concurso en Bertamiráns

Destacan por número de candidaturas Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs // Negreira incorpórase á decena de concellos participantes // Chegará o día 26

Volve o certame Youtubeiras na súa quinta edición e con récord de traballos audiovisuais a concurso: serán 35 as propostas que competirán, destacando as cinco candidaturas de Neeumátiko, as catro de Cousxs e de Olaxonmario, O Son das Ideas, con tres, ou a do colectivo nicrariense Fo Récords, gañador dun Mestre Mateo, neste caso no apartado de Premio Musical.

A gran final chegará o vindeiro día 26 ata o auditorio de Bertamiráns (a partir das 20.00 horas) que presentará o grupo Tanxugueiras.

En concreto, a organización busca estender a lingua galega polas redes sociais. E segundo Carme Pereiro, coordinadora do certame e responsable de Normalización Lingüística na Barcala, xa se pode falar dun “notable aumento na calidade técnica e de contidos” e “unha importante ampliación das temáticas tratadas”. Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha “comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación”, explicaba.

Con ela estiveron a edil amesá de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e a deputada provincial no mesmo eido, María Muíño, arroupadas polas compoñentes de Tanxugueiras.

No que atinxe ao xurado, está constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de Lingua Galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia. Todos eles reuníronse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalistas en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polos internautas nas redes sociais de Youtubeiras.

Segundo a acta, o xurado valorou positivamente “tanto a cantidade como a calidade” das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega”.

Do mesmo xeito, hai que salientar que o grupo Tanxugueiras terá un duplo protagonismo nestes Premios Youtubeiras, pois ademais de protagonizar o vídeo finalista de Cousxs, presentará a gala de entrega do vindeiro venres.

Dende este grupo musical sinalaron na presentación desenvolvida na capital amesá que a gala será neste ano 2021 eminente musical, pero sen querer adiantar moitos máis detalles para sorprender ao público que acuda á casa da cultura de Bertamiráns.

Tanxugueiras unirase así a Iria Pinheiro, Patricia de Lorenzo ou a compañía teatral A Panadaría na lista de artistas e formacións que nos últimos anos presentaron a gala dos Premios Youtubeiras.

as claves
galardóns de 1.000 e 500 €

··· Respecto dos galardóns, recibirán mil euros os mellores no Premio Youtubeira, Premio á Canle e Premio Vídeo. Pola contra, haberá 500 euros para os máis destacados nos apartados de Calidade Lingüística, Impacto, Calidade Técnica, Comunicación, Creatividade, Musical, Didáctico, Pioneiro e Premio do Público.

··· A edil Escarlata Pampín apuntou que os convites para asistir como público á gala do día 26 pódense reservar de balde (en www.abilleteira.concellodeames.gal).

··· Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira –que concorre por vez primeira–, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación Provincial da Coruña.

17 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.