Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Emerxen de novo á beira do Ulla, coa súa posta en valor, as telleiras de Vilar

Forman parte do patrimonio etnográfico e cultural de Valga e ata fai pouco tempo permanecían ocultas pola maleza da zona

As antigas telleiras de Roeiro e Padín, ambas sitas no lugar de Vilar (Cordeiro), no municipio de Valga e ata hai unhas semanas ocultas pola maleza, emerxeron de novo á beira do Ulla como parte do patrimonio etnográfico e cultural. Os traballos de limpeza e posta en valor que se están a executar deixaron de novo á vista os restos das estruturas destes dous exemplos da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tanta relevancia acadou na zona.

A actuación, que leva a cabo a empresa Zona de Obra – O Rosal S.L.–, céntrase na roza e limpeza da contorna das telleiras e do camiño de acceso, coa retirada de maleza e escombro; a limpeza en seco das estruturas que se manteñen en pé e a delimitación da zona cunha varanda rústica de madeira, co obxectivo de frear o deterioro das edificacións e darlle a importancia cultural, patrimonial, histórica e ambiental que teñen. Ademais, está previsto colocar paneis explicativos.

En ambos casos aínda se conservan as estruturas das edificacións principais, as que estaban destinadas á cocción de produtos cerámicos, principalmente tella e ladrillo. A telleira de Padín mantén parte da cuberta en forma de cúpula e tamén a estrutura de ladrillo, en forma de grella, sobre a que se colocaban as tellas para a súa cocción. A de Roeiro destaca pola súa forma circular, o que a converte nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla. Nas dúas se percibe claramente a zona destinada a leñeira, un terreo en pendente no que se gardaba a leña e dende o que se introducía na boca do forno cando este se puña en funcionamento. Tamén se conservan algúns restos das edificacións secundarias dedicadas ao descanso dos telleiros e son visibles algúns tramos das canles que permitían o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.

A produción de tella e ladrillo nestes rudimentarios fornos na zona do Ulla tivo o seu auxe na segunda metade do século XIX. No século XX, coa industrialización do sector produtivo, as telleiras comezaron a decaer e foron substituídas por factorías como Novo y Sierra, fundada en 1921.

A telleira de Roeiro, da que se descoñece a data de construción, foi abandonada en 1945 debido ás dificultades que presentaba para o cocido da tella na cámara circular e a que o tanque só se podía usar en preamar. A de Padín é a única da área do Ulla da que se sabe con exactitude a súa data, xa que foi a última en construírse en 1942. Estivo en activo ata 1960. A actuación de posta en valor estase a financiar cunha subvención da Consellería do Medio Rural, a través do Feader.

05 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.