Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Emotiva homenaxe en Cee á “boa e xenerosa” mestra e escritora Concha Blanco

Corenta anos de carreira e medio cento de libros avalan a súa traxectoria // Reivindicou ás mulleres, a igualdade e o galego

A alcaldesa, Margarita Lamela, subliñou que se trata “dun recoñecemento público a unha muller que dedicou case todo o tempo da súa vida a construír un mundo máis humano, xusto e igualitario, en definitiva, un mundo mellor”. Lembrou ademais a súa etapa como alumna de Concha Blanco, “da cal quedou impregnado no meu recordo o seu xesto acolledor, a súa forma emocionada de falar, o seu ton de voz que amosaba unha fonda delicadeza e, á vez, fortaleza”.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, subliñou que Concha Blanco “é das boas e xeneoras das que fala o noso himno nacional”, e remarcou o feito de que Cee foi e segue sendo “o centro do seu mundo existencial e vital; a terra que foi humus, onde chantou as raíces do seu mundo literario e que deu a flor e o froito dos seus libros”.

A escritora e tamén profesora Pilar Sampedro, encargada da laudatio, afirmou que “estamos aquí para recoñecer o valor da escritora, profesora e muller”, e sinalou que se tivera que unir o nome de Concha Blanco a dúas palabras “esas serían humildade e prudencia, pois está na antítese dos grandes egos”. Autenticidade e xenerosidade, engadiu, “son outras das palabras que forman parte do retrato desta escritora”.

A homenaxeada aproveitou a súa intervención para amosar o seu agradecemento á AELG, ao Concello e a todos os grupos municipais que, de xeito unánime, acordaron adicarlle unha praza; ás compañeiras e compañeiros de estudos e de profesión e, sobre todo, á súa familia e amigos. Quixo amosar tamén o seu recoñecemento a todos os escritores e escritoras galegos “por axudarme a facer desta lingua un vehículo de cultura”, lembrando que na Costa da Morte “contamos con todo un batallón”, en alusión ao colectivo literario do que ela mesma formou parte.

Reivindicou e louvou os valores de Lires, a parroquia onde naceu e na que vive, da que dixo sentirse “orgullosa das súas xentes”. Unha aldea na que sempre se falou galego, “e queremos, aplaudimos e esiximos unha longa vida para o noso idioma”.

Como primeira muller que ten un espazo que leva o seu nome en Cee, amosou o desexo de que “esto sirva para visibilizar e reivindicar a necesidade de valorar e potenciar a igualdade de xénero, que se vexa así unha xanela aberta a máis mulleres, ás que por diferentes razóns merezan tal honra”.

Fixo tamén un chamamento aos organismos oficiais demandando “atención e axuda ao mundo da cultura nas súas diferentes manifestacións”, sinalando que “a cultura é o alicerce no que se asenta un país para poder progresar”.

O acto promovido pola AELG, coa colaboración da Xunta, a Deputación, o Concello de Cee e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), foi ademais o recoñecemento a unha carreira de máis de 40 anos e medio cento de libros cos que Concha Blanco “enriqueceu o noso sistema literario, unha traxectoria na que nunca deixou de pensar que as palabras ían enfiadas co obxectivo de chegar ao lectorado”, afirmou ó respecto Pilar Sampedro.

Entre os asistentes estaban tamén Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Marilar Aleixandre, membro da Real Academia Galega; os deputados autonómicos Mercedes Queixas e Daniel Pérez; o deputado provincial José Manuel Pequeño e concelleiros e concelleiras da Corporación local. Tamén participaron numerosos escritoras e escritores galegos, o presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Xosé María Lema, e o xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela. O acto foi amenizado pola Banda Municipal de Música de Cee, baixo a batuta do seu director, Fernando Fraga.

12 jun 2021 / 17:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.