Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Networking. Actualmente a agrupación suma 109 empresas que dan emprego a 1.500 persoas // No que vai de ano facturaron xa máis de doce millóns de euros // Celebraron en Vimianzo a primeira reunión presencial postcovid TEXTO J. M. Ramos

Empresarios da Costa da Morte lideran o grupo BNI en España

Vimianzo acolleu o primeiro encontro presencial postcovid da organización Business Network International BNI Dolmen Costa da Morte, que actualmente é a número 1 en España, xa que agrupa a 109 empresas que xeran 1.500 postos de traballo directos e levan facturado no que vai de ano máis de 12 millóns de euros. O grupo está formado por empresas radicadas entre Sada e Fisterra, de sectores tan diversos como a alimentación, sanidade, automoción, construción e servizos.

O encontro serviu para compartir experiencias e realzar os valores que lles aporta o traballo colaborativo a todos eles, así como para recoñecer o labor desenvolvido polos seus membros máis destacados. O director executivo de BNI Galicia, Juanjo Molinos, lembrou que o grupo da Costa da Morte botou a andar no ano 2017 con 23 empresas asociadas e, despois duns comezos que non foron fáciles, conqueriu situarse agora como líder en España.

O empresario Jesús Picallo Santos enumerou os logros acadados nos últimos anos na Costa da Morte, ao tempo que lembrou ás autoridades presentes os retos inmediatos para “non quedar illados”, como prolongar a autovía ata Berdoias (Vimianzo) e ampliar ata Negreira a estrada que comunica estas comarcas con Santiago. Demandou tamén unha planificación da FP “acorde ao século XXI” e sinalou que “urxe fixar poboación, pois non podemos sufrir unha penalización pola nosa situación xeográfica periférica”.

Outros membros do grupo enumeraron as vantaxes e oportunidades que lles brinda o BNI. Formación, aprendizaxe, colaboración e a ampliación da rede de contactos foron os aspectos máis destacados polos intervintes, algún dos cales mesmo sinalou que “estar no BNI supuxo para min a salvación do meu negocio, grazas á visibilidade que nos deron durante a pandemia”.

As voces destes empresarios foron escoitadas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; e os alcaldes e alcaldesas da Laracha, Ponteceso, Cabana, Camariñas, Muxía, Fisterra, Malpica, Carballo, Corcubión, Mazaricos, Laxe, Santa Comba e Vimianzo, e o deputado carballés Rubén Lorenzo, entre outros.

José Miñones amosou a súa sastifacción por “ver a tantas empresas traballando xuntas” e quixo lanzar unha “mensaxe en positivo” destacando que “a unión fai a forza”. Animou a todos os empresarios presentes a sumarse ao Plan de Recuperación do Goberno central destacando que “as 190.000 pequenas e medianas empresas de Galicia constitúen o centro do mesmo”. A este respecto indicou que só o compoñente Impulso á Peme conta cun orzamento de 4.894 millóns de euros en tres anos, e lembrou que xa están en marcha as primeiras convocatorias do sector, que poñen á súa disposición 70 millóns de euros para a mellora da competitividade e a modernización do parque de maquinaria.

Subliñou ademais que os máis de 652 millóns de euros adicados ós ERTEs en Galicia permitiron que “210.000 galegos e galegas puideran manter os seus postos de traballo”.

Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana anunciou que Costa da Morte acollerá un dos 12 polos de emprendemento no rural que a Xunta porá en marcha para impulsar o emprego local. Puxo en valor tamén a formación para o emprego, un eido que aumenta o seu orzamento nun 50% “para poñer en marcha iniciativas como a Axencia Galega de Capacidades ou un estudo de tecnoloxías emerxentes”.

FACTORÍAS DE EMPREGO. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que coñece ben o mundo empresarial, no que desenvolveu a súa carreira profesional, destacou “a relevancia do sector, e máis concretamente dos emprendedores e emprendedoras, “que sodes factorías de emprego e formación” no ámbito económico de Galicia. Quixo subliñar tamén “o destacado papel que xogan as familias no día a día das e dos empresarios” e sinalou que a pandemia “arrebatounos moitas cousas, peron non nos quitará xamais a ilusión”.

O protagonista
“Isto é o triunfo do colectivo”
José Manuel Mato
Presidente do BNI Costa
da Morte

O presidente do BNI Dolmen Costa da Morte, José Manuel Mato, asegurou que “aquí o que triunfa é o colectivo”, e destacou que a agrupación está formada por empresas e “persoas humildes e apaixoadas ” e conta con “grandes líderes con gañas de tirar do carro”. Avogou por converter as experiencias “nunha filosofía de traballo que canalice o fluxo de negocio cara as nosas empresas”. Sinalou ademais que formar parte do BNI non só lle fixo medrar como empresario, “senón que me permitiu facer grandes amigos”.

{ Pasaba por aquí }
Traballar desde a unión
Manuel Lavandeira

O encontro empresarial celebrado na capital de Soneira puxo de manifesto que a unión e a colaboración son dous factores clave para ser máis competitivos. Iso é o que subliñan tamén os empresarios e empresarias que decidiron dar un paso adiante para sumarse ao grupo BNI Dolmen Costa da Morte. Moitos recoñeceron que, nun principio, o camiño non foi doado, pero con tesón e perserverancia conseguiron constituir un gran equipo que, en base as aportacións individuais de cada empresa, conqueriron consolidar unha gran alianza da que todos están a recoller froito. Un camiño que vén podería seguirse noutros eidos, como o político, falto desa unión na defensa dos intereses comúns de todos, incluídos os empresarios.

24 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.