Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 24 septiembre 2022
18:29
h

En marcha a remodelación da fachada de Palmeira

Un ambicioso proxecto en base ao deseño da Fundación RIA // Renovarase a imaxe da dársena e mellorarase a accesibilidade

O Concello de Ribeira informou este venres do inicio das obras da primeira fase da remodelación do entorno portuario de Palmeira: unha iniciativa impulsada pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia, en coordinación co Concello de Ribeira, en base ao anteproxecto deseñado polo arquitecto David Chipperfield e a Fundación RIA, que preside o arquitecto británico.

A execución desta intervención persegue a mellora da mobilidade e accesibilidade na contorna do porto, ao tempo que permitirá renovar a imaxe da dársena e facela máis operativa para os profesionais do mar e atractiva para os veciños e visitantes.

A empresa adxudicataria que está efectuando as obras é Vilariño Esp, S.L.U. A actuación comporta un investimento total de 675.320,75 euros e ten un prazo de execución de oito meses.

O proxecto prevé a reordenación do tráfico e do estacionamento na zona, a recuperación do vínculo co mar e a planificación e deseño do espazo público. Así, con estas medidas contribúese a eliminar barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira e achégase a localidade ao mar, para o desfrute de veciños e visitantes de xeito compatible coa actividade portuaria.

As obras desta fase supoñen a intervención nun espazo de 2.000 metros cadrados e en preto de 400 m en liña da fachada marítima de Palmeira. As actuacións inclúen a mellora do espazo público e da mobilidade mediante a ampliación da zona peonil a carón do mar, sobre a coieira existente, e eliminando a barreira visual que supón o actual muro de peche.

A maiores, tamén se crearán balcóns de pedra e gradas integradas no noiro do paseo da vila, ordenarase a circulación rodada con pasos de peóns elevados e renovaranse os pavimentos e o mobiliario urbano buscando reforzar a súa calidade estética, duración e homoxeneidade dos materiais.

Lembrar que, aínda que está previsto actuar na totalidade da fachada portuaria, o proxecto divídese en varias fases para desenvolver de maneira progresiva e que se irán acomodando á dispoñibilidade orzamentaria.

23 sep 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.