Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 25 enero 2022
00:53
h
Trátase do novo proxecto das clases de adultos do IES Campo de San Alberto de Noia // Inclúe unha guía pedagóxica interdisciplinar e o xogo interactivo ‘O Camiño das palabras’ // Será presentado en O Son o día 3 de outubro TEXTO E. Pouso

‘En un lugar de esta aula’ onde poder continuar aprendendo

Aprender xogando. A través do xogo adquírense coñecementos, estimúlase a atención e a memoria, foméntanse as habilidades sociais e tamén proporciona felicidade. Unhas vantaxes que tiveron en conta os docentes do instituto Campo de San Alberto de Noia, que dende hai anos redescubren a educación aos adultos que non tiveron a oportunidade de acudir ao colexio cando eran nenos, para embarcarse no seu último proxecto: En un lugar de esta aula.

Segundo explicou Suso Montero, coordinador do traballo, este naceu “coa intención de fusionar os dous últimos proxectos educativos europeos: o primeiro deles Érase una vez en Europa, cuxo tema principal foi a literatura e fotografía en Europa, e Faros e estacións.Viaxe a Ítaca, que tratou sobre cine e emigración”. Ambos cosecharon éxitos e importantes galardóns tanto a nivel nacional como internacional, coa obtención do Premio Miguel Hernández ou o recoñecemento da Comisión Europea, entre outros.

Todo ese esforzo realizado tempo atrás, vese agora sintetizado e reflexado en O Camiño das palabras, unha ferramenta interactiva na que se fai un guiño ao xogo da oca e á ruta xacobea. Un taboleiro e 45 casillas nas que se mestura historia, cultura, música, literatura e o cine, de tal maneira que os textos, os libros, as películas e os videoxogos que se inclúen nel “son un punto de encontro para reforzar o diálogo, intercultural e interxeracional, a igualdade entre homes e mulleres, a cohesión social e a mellora das competencias clave de todos aqueles que procuran unha segunda oportunidade académica”, afirmou Montero.

Este proxecto botou a andar no 2017 e nel implicáronse tanto os mestres como os estudantes de Ensinanzas Básicas Iniciais (EBI) e de Educación Secundaria para as Persoas Adultas (ESA). Ler, ver as pezas audiovisuais, elaborar os 45 videotextos que acompañan cada casilla, usar as TIC , cámaras dixitais ou teléfonos móbiles... “foi unha gran motivación para a aprendizaxe significativa do noso alumnado”.

Contan os autores que a pandemia truncou as expectativas iniciais, “pois hai ideas que plasmamos na temporización das actividades que non puideron levarse a cabo por diversas circunstancias”. Entre elas destaca a chegada da covid.

Sen embargo, lonxe de aplacarse, sacaron adiante unha guía pedagóxica interdisciplinar e o citado xogo.

Así, dispostos a dar vida aos textos seleccionados que forman o libro, foron quen de viaxar a Reino Unido para gravar in situ escenas para escritos de Charles Dickens ou Kent Follet ou a Ítaca e outras illas Gregas para contextualizar o texto de Kavafis, entre outros lugares. E, nalgúns casos, tamén tiraron da proximidade para encher de contido visual o relato La Costa de la Muerte, de Manuel Rivas, ou a cantiga Ondas do Mar de Vigo de Martín Codax, ademais doutros autores da cultura galega e máis clásicos nacionais. E para completar o traballo, en cada casilla rematan as actividades coa recomendación dun libro e un filme relacionados coa temática abordada.

A presentación deste brillante proxecto será o 3 de outubro (19.30 h.) na casa da cultura de O Son. Ao acto está previsto que asistan os autores: Suso Montero, Mariela Dosil (coordinadora da guía pedagóxica), Carolina Mourelos e Jesús Montero.

Con En un lugar de esta aula o alumnado adulto do San Alberto profundizou e dou voz ás palabras de escritores nacionais e internacionais, recitando e tamén rodando, facilitándolle o seu achegamento a múltiples formatos e soportes culturais. Nunca é tarde para aprender... e que mellor que aprender xogando.

29 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.