Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Enaltecen as vantaxes da construción naval en Outes

O Freixo acolleu unhas xornadas organizadas por Agalcari // Trataron os retos do sector, como a necesidade de formación

Unha das cunas da carpintería de ribeira da Comunidade, O Freixo (Outes), foi o lugar escollido pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) para celebrar este sábado as XI Xornadas de construción naval en madeira Un mar de madeira proxectando o futuro.

Durante o acto de inauguración, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor a construción naval en madeira como un exemplo de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente pois trátase dunha actividade que permite a produción de barcos cunha mínima pegada de carbono e na que o 100 % dos materiais empregados son reciclables. Por iso, salientou a importancia de apostar por este tipo de embarcacións para actividades do sector profesional como poden ser a industria auxiliar da acuicultura ou a pesca artesanal.

Nesta liña, a representante do Goberno autonómico lembrou que Galicia é a rexión de Europa con maior densidade de carpinterías de ribeira en activo e máis variedade de embarcacións construídas con este material.

Por iso, Quintana agradeceu o labor de Agalcari para dignificar o oficio e velar pola preservación dunhas técnicas construtivas que forman parte da tradición cultural de Galicia. “É por iso que os estaleiros galegos son máis que lugares nos que se botan barcos ao mar, son espazos didácticos nos que se realizan visitas guiadas que permiten descubrir a importancia da tradición pesqueira”, subliñou a titular de Mar.

Outro dos puntos que tratou durante a súa intervención foron os retos aos que se enfronta o sector, como a remuda xeracional e a necesidade de formación para adaptarse ás novas tecnoloxías e materiais innovadores, e resaltou que o Executivo galego está comprometido desde hai máis dunha década coa protección desta actividade e a conservación dun saber centenario. Con este obxectivo, a Xunta apoiou desde 2008 a Agalcari con máis de 250.000 euros a través de diferentes convenios nos que se enmarcan estas xornadas.

A conselleira do Mar tamén expuxo que o compromiso de Galicia con esta actividade -declarada Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial- queda patente co Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030 que o Goberno galego está a impulsar a través dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña e a súa fundación co obxectivo de catalogar o patrimonio marítimo-pesqueiro existente en Galicia e adoptar as medidas necesarias para a súa protección.

Nas xornadas promovidas por Agalcari tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que salientou o valor da carpintería de ribeira como un oficio artesanal con fonda tradición en Galicia. Neste sentido, manifestou que se trata dun “piar fundamental” do patrimonio marítimo galego así como unha actividade económica cun amplo potencial comercial.

Heredia tamén destacou as grandes vantaxes deste oficio ao empregar material autóctono, renovable, reutilizable, biodegradable e de baixo custo enerxético, cun escaso impacto ambiental, e que dá como resultado embarcacións de alta calidade.

24 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.