Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Volve unha nova edición deste programa que busca difundir a lingua a través dos certames de regueifas // É un proxecto conxunto dos concellos de Ames, Teo, Carballo, Pontevedra e Santiago // Van a impartirse obradoiros de formación para o alumnado e tamén para o profesorado TEXTO Claudina Estévez

Enreguéifate improvisa en galego

Xa hai nova edición do programa Enreguéifate, un proxecto conxunto impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que vai pola sexta edición e que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega. A participación é aberta e de balde e concrétase co envío dun vídeo no que, cando menos, dúas persoas aparezan regueifando en lingua galega. Establécense dúas categorías: xeral e escolar. Impartiranse obradoiros de formación para o alumnado e o profesorado, un certame regueifeiro e un encontro de regueifa. O prazo de presentación esténdese dende o 10 de novembro ata o 10 de marzo de 2023.

No acto de presentación, celebrado este venres na casa da cultura do Milladoiro, participaron a concelleira das áreas de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín; a concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López; o regueifeiro e docente Séchu Sende, e a regueifeira e formadora Nuria Penas.

Segundo explicou a edil amesá, o alumnado volverá ser o obxectivo prioritario deste certame que se dirixe tamén ao conxunto da cidadanía. Nesa liña, o proxecto dará comezo cunha actividade formativa para o profesorado, que se desenvolverá o próximo venres, 14 de outubro, en horario de tarde, no Espazo Apego de Santiago de Compostela.

Un obradoiro para o que xa pechou o prazo de inscrición, con preto de 30 participantes, e que estará impartido polos regueifeiros e formadores Séchu Sende, Manolo Maseda, Lupe Blanco e O Rabelo. Nel, todas as persoas participantes afondarán no movemento social e educativo da improvisación oral en verso e aprenderán a traballar a regueifa na aula coa perspectiva cultural do século XXI.

Tamén neste mes de outubro darán comezo os obradoiros de improvisación oral para o alumnado. A concelleira Escarlata Pampín anunciou esta gran acción formativa do Enreguéifate, que se vai desenvolver ata decembro nos centros de ensino dos cinco concellos impulsores do proxecto. Uns obradoiros que teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa que, segundo apuntou Pampín, “fomenta a capacidade de articular un discurso improvisado e traballa habilidades como a escoita ou a atención e o respecto pola persoa interlocutora”. Subliñou ademais a concelleira que, na mocidade, a regueifa é “unha potente ferramenta para desenvolver a autoconsciencia, a seguridade e a autoestima nunha etapa de conformación da identidade de cada persoa”.

A edil de Lingua e Mocidade do Concello de Teo, María López, destacou a outra gran acción do Enreguéifate 2022-2023: o certame regueifeiro aberto ao conxunto da cidadanía galega. Un concurso que ten como obxectivo que estudantes e público en xeral se apunten á práctica da arte da improvisación oral en verso, coa regueifa en lingua galega. A inscrición poderá facerse a través da páxina web do certame, onde están xa dispoñibles as bases: www.enregueifate.gal.

Tal e como se dixo, nesta sexta edición volverá haber dúas categorías no concurso: xeral e escolar, con seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

Os premiados coñeceranse a finais de marzo e recibirán o galardón na gala final, prevista para o venres 14 de abril no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Un acto que, segundo anunciou o docente e regueifeiro Séchu Sende, suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta e contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos. Hai anos a regueifa estaba máis oculta, pero agora é máis visible.

08 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.