Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Equina: triunfo total de participantes no certame de doma

Este sábado seguía o concurso morfofuncional e hoxe entregaranse os premios deste evento

Equina Galicia 2021, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega) coa colaboración da Fundación Semana Verde, arrancaba o venres na Feira Internacional de Galicia Abanca e continuaba este sábado. Ao longo desta última xornada celebráronse os concursos de doma clásica. En concreto foron tres as competicións que se levaron a cabo no marco do evento: XXIII Copa Accega, na cal participan cabalos de pura raza española, e o Territorial e do III Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica.

Estes concursos contan nesta edición con récord de participación, tanto na traxectoria de Equina como no que se refire ás probas de doma clásica celebradas no noroeste peninsular dende o ano 2019. Entre os inscritos figuran participantes de distintos puntos de España, como Asturias, Cantabria, Castela e León ou Andalucía, ademais dun procedente de Portugal.

No tocante ao VII Campionato de España Pura Raza Española-Ancce de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e que valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, continuou este sábado con máis seccións. Pola mañá leváronse a cabo as probas de funcionalidade de eguas de 4 anos e sementais de 4, 5, 6 e 7 ou máis, nas cales se xulgaron, entre outros aspectos, os movementos a paso, trote e galope ou a obediencia ao xinete ou amazona. Pola tarde competiron en morfoloxía as seccións de eguas de 5, 6 e 7 ou máis anos.

Este domingo será a quenda das cobras de tres eguas e os premios especiais, e ao seu remate terá lugar a entrega de galardóns do concurso.

A este campionato concorren durante os tres días preto de 40 ganderías de dez comunidades autónomas, como son Galicia, Asturias, Cantabria, Estremadura, Castela e León, Madrid, Valencia, Andalucía, Cataluña e Baleares, ademais dunha procedente de México, que participa con varias eguas. En total compiten en dito recinto feiral preto dun centenar de exemplares de pura raza española.

CONFERENCIAS. Este sábado pola mañá tamén se desenvolveron dúas conferencias no marco de Equina Galicia, organizadas pola Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (Ancce) e de máxima actualidade no sector ecuestre. Así, unha delas centrouse nas Novidades na regulamentación de concursos morfolóxicos e manual de xulgamento. Foi impartida por José Ramón Fernández, presidente do Comité Técnico de Xuíces de Ancce (CTJ). Na outra, Pedro J. Azor, subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora do Cabalo Español, falou sobre Novidades no Programa de Cría da Pura Raza Española. Este domingo tocan a entrega de premios e a Copa Galega de Enganches.

01 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.