Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escenarios mariños para a danza contemporánea na Costa da Morte

Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica e Caión acollerán seis espectáculos do proxecto Escora // Traeranos compañías galegas entre o 22 e o 24 de abril

A danza contemporánea percorrerá Costa da Morte, tomando o mar como atrezzo e conectando os corpos coa natureza, a través de obras que teñen un importante vínculo coa lingua e coa memoria. Así é a filosofía do programa Escora da Deputación da Coruña, que levará seis compañías de danza a seis concellos no marco da celebración do Día Internacional da Danza.

O programa, que se desenvolverá a fin de semana do 22, 23 e 24 de abril, contará coas actuacións das compañías do territorio galego Clara Ferrao, Colectivo Glovo, Elahood, Eva Comesaña, Kirenia Danza e Marcia Vázquez nas localidades de Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica de Bergantiños e Caión (A Laracha).

O proxecto ofrece tres días cheos de danza, con intervencións nas mañás e nas tardes, convidando aos públicos a facer unha ruta pola Costa da Morte, comezando en Fisterra o 22 de abril pola mañá e rematando en Malpica o día 24 pola tarde.

Escora preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade. Os espazos escollidos non son os convencionais, xerando a oportunidade de achegar a danza ás prazas, á rúa, á pedra, con vontade de presentar unha programación de proximidade para públicos diversos. Seguindo esta intención, unha vez rematadas as intervencións artísticas, haberá un encontro coas artistas e co público, un espazo de intercambio e proximidade mediado por Marcia Vázquez e Sabela Ramos.

Este é un proxecto da Deputación da Coruña que busca visilibizar o traballo artístico das compañías galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.

A programación conta cunha estrea absoluta, o espectáculo Alleo de Colectivo Glovo, a compañía afincada en Lugo. Baséase na idea da atalaia, e parte do condicionamento da “privilexiada” posición da torre e de quen desempeñaba o papel da vixilancia. Tamén forman parte do programa a galardonada peza Intempestiva, da compañía Elahood (A Coruña) e E_migrantas de Kirenia Danza (Oleiros). Ambos espectáculos atenden ás raíces desta, a terra galega, cunha achega á figura de Xela Arias e un retrato da emigración da última diáspora galega, respectivamente.

Dende Vigo chegarán os espectáculos Onde pousa a humidade de Marcia Vázquez, Miña Xoia de Clara Ferrao e Terra Firme de Eva Comesaña, tres solos de danza creados e interpretados por mulleres.

O ciclo arrincará na explanada do porto de Fisterra (no salón de actos en caso de choiva) o día 22, ás 11.30 horas, cos espectáculos Terra Firme e Intempestiva. Ese mesmo día, ás 19.00 horas no paseo marítimo de Muxía (ou na Sala Camposa, en caso de mal tempo) chega Terra Firme e Onde pousa a humidade. O día 23, a danza trasládarase a Praza dos Voluntarios de Laxe (12.00 horas) e á Praza da Insuela de Camariñas (19.00 horas), e o día 24 rematará o ciclo con actuacións na Praza Eduardo Vila Fano, de Caión (12.00 h.) e no Paseo da Praia, de Malpica (18.30 horas)

08 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.