Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
HOMENAXE. Expoñen en Rianxo as obras que acompañan aos sonetos de Faustino Rey Romero nunha reedición facsimilar do seu poemario // O orixinal custódiase na biblioteca de Catoira e está dedicado polo autor a Xosé Isorna TEXTO Suso Souto

‘Escolanía de melros’ reflorece cos gravados de quince artistas

En 1959 saía do prelo en Gráficas Bolfer do Porriño un fermoso libro, Escolanía de melros, do sacerdote e escritor rianxeiro Faustino Rey Romero, con portada do debuxante pontevedrés Agustín Portela Paz e un exlibris de Xosé Conde Corbal.

Rey Romero xa tiña publicados en galego dous folletos poéticos: Doas de vidro (1951) e Catro sonetos ó destino dunha rosa (1952), ademais de Florilegio poético (1949) en castelán.

E, cando se veñen de conmemorar o centenario do nacemento e o cincuentenario da morte do autor, o Concello de Rianxo réndelle homenaxe cunha especial edición facsimilar dun exemplar orixinal desa obra que se custodia na biblioteca municipal de Catoira e que está dedicado polo escritor ó seu amigo o franciscano Xosé Isorna, a quen lle asinou o exemplar en 1960.

Esta edición facsimilar de Escolanía de melros vese enriquecida cas vinte ilustracións que quince artistas de Rianxo e Padrón realizaron para outros tantos sonetos desa publicación no marco dun obradoiro organizado polo Museo do Gravado de Ribeira no Liceo de Rianxo e dirixido por José Fernández Míguez coa axuda de Camilo Seira.

Os artistas son Alexandre Dasilva Vieites, Enrique Delrío Gundín, Susana Fernández Comojo, Natalia Lampón Pimentel, Pepa Martínez Vicente, Joy Menis, Pepe Míguez, Isabel Otero Carballeira, Lorena Pelegrina Rozados, Noel Pérez Fungueiriño, Manuela Pimentel Novo, Ana Isabel Piñeiro Esperante, Camilo Seira, Isabel Tubío Castro e Luís Vicente Batalla.

Escolanía de melros é unha obra clave dentro da produción literaria do poeta. Os seus vinte sonetos formaron parte desde moi cedo de diferentes antoloxías de poesía galega por parte de Xesús Alonso Montero, Ramón González-Alegre ou Francisco Fernández del Riego. Será Xosé Méndez Ferrín quen na súa obra crítica De Pondal a Novoneyra sitúa a Rey Romero no clasicismo de posguerra, cun gran nivel de perfección formal na construción do soneto.

“Eran tempos nos que se facía unha chamada á sinxeleza e á valorización do natural; nos que a natureza cobraba nova forza por mor dun cambio climático que xa daquela alarmaba do dano causado polas anteriores agresións humanas ó medioambiente. Estes sonetos que cantan a un paxaro común, presente en toda a xeografía galega, expresan esa necesaria ollada contemplativa e pausada do noso entorno natural”, comenta o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños. O rexedor agarda que algún día “podamos ollar a merecente homenaxe de dedicarlle a Faustino Rey Romero o Día das Letras Galegas”.

A citada edición facsimilar será presentada este sábado día 29 ás 13.00 horas no auditorio municipal de Rianxo. Editáronse cincocentos exemplares.

Esa mesma instalación cultural acolle xa una exposición formada polos vinte gravados realizados para ilustrala. A carón de cada xilografía exhíbese o poema referenciado de Escolanía de melros.

COSTA, quintana E COLMEIRO. Con esta publicación, o Concello continúa a iniciativa que tomou o Museo do Gravado ca edición de Alba de Groria de Castelao, enriquecida coas ilustracións feitas por un grupo de mulleres gravadoras da comarca do Barbanza.

E non será o derradeiro proxecto nesa liña; o museo ten varias iniciativas similares (pendentes de financiación) para libros de Alfonso Costa ou Quintana Martelo e unha gran edición con planchas orixinais do pintor silledense Manuel Colmeiro, esta última en colaboración coa familia do artista e da Asociación Amigos do Pintor Colmeiro.

27 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.