Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escolares de oito unitarias plantaron 350 árbores no monte rianxeiro de Buhía

Cento dezaoito nenos asistiron tamén á solta dunha ave e a tres charlas // Desfrutaron dunha merenda e recibiron agasallos

As comunidades de montes de Rianxo están a levar a cabo numerosas iniciativas de educación e sensibilización ambiental cos alumnos do concello, para ensinarlles a valorar, protexer e coidar as masas forestais. Esta fin de semana, a comunidade de montes de Araño, xunto co Colexio Rural Agrupado, realizou unha plantación de árbores no monte de Buhía na que participaron 118 nenos e nenas de oito escolas unitarias.

Na actividade implicáronse tamén familiares dos cativos, que levaron ferramentas para axudarlles a plantar.

En primeiro lugar, asistiron a unha charla impartida por axentes forestais, quenes lles falaron das distintas especies de árbores e das súas funcións no entorno natural.

Os escolares asinaron logo nun panel metálico no que figura o lema Unha crianza, unha árbore, un futuro, que se instalou no monte para darlle un sentido ao vínculo creado entre nenos e árbores.

A continuación asistiron a unha segunda charla sobre animais salvaxes e a súa recuperación, que rematou coa solta dunha ave que estivo no centro de recuperación ata ser curada das súas feridas.

Finalmente, os cativos plantaron 350 árbores axudados por persoal do cuarto distrito forestal, que colaborou cunha brigada, dous axentes e unha motobomba.

Foron tamén moitos os veciños da parroquia que se achegaron cos seus sachos, así como varios investigadores do CSIC (da Misión Biolóxica de Galicia), que levaron 25 especies, e mesmo un alumno de Bioloxía da Universidade de Santiago que está a facer o seu Traballo Final de Grao sobre o monte de Araño, e persoal da asociación Avoar. Ao rematar, todos desfrutaron dunha merenda.

COMO APAGAR O LUME. Pero, antes de poñer fin a unha xornada tan produtiva, os nenos e nenas asistiron aínda a unha terceira charla por parte de efectivos da brigada forestal, que lles explicaron que hai que facer en caso de ver lume no monte.

Esta charla culminou cunha demostración de como se apaga un lume con auga e retardante... e cunha divertida choiva a golpe de mangueira para todos os presentes.

Finalmente, os comuneiros despediron ós cativos con agasallos (mochilas, camisetas, libretas e lapis).

PLATAFORMA. Por outra banda, representantes da comunidade de montes de Leiro, integrante da Plataforma pola Defensa do Monte, acudiron o pasado luns a unha xuntanza con representantes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da Dirección Xeral de Defensa do Monte e da Xefatura Territorial de A Coruña.

Na xuntanza tratouse a viabilidade das propostas recollidas no documento Directrices de ordenación territorial do espazo forestal en Rianxo, no que se recollen unha serie de propostas que foron valoradas positivamente. “Ahora toca seguir dando pasos para acadar o obxectivo de reducir o impacto dos incendios forestais no noso territorio”, sinalan dende esa entidade.

delegribeira@elcorreogallego.es

01 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.