Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Escolas e rectorais de Costa da Morte recobran vida como casas dos maiores

Coristanco estreou a de Agualada, na reconvertida unitaria // Outros cinco concellos ofertan este servizo

O descenso da natalidade das últimas décadas provocou un progresivo peche e, en moitos casos, abandono das antigas escolas unitarias distribuídas polas parroquias dos distintos concellos da Costa da Morte. Dun tempo a esta parte, algúns deses inmobles están a recobrar vida ao ser reconvertidos nas chamadas Casas do Maior, implantadas xa en seis concellos da zona.

Tratáse dun servizo de proximidade que permite que os maiores teñan acceso a coidados e actividades gratuítas preto das súas casas.

Curiosamente, boa parte dos usuarios destes centros son os maiores que, décadas atrás, foron alumnos desas escolas. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou a nova Casa do Maior en Agualada (Coristanco), municipio que xa conta con outras dúas en Erbecedo (unha delas na que fora a antiga casa reitoral).

Ademais de Coristanco, tamén contan con Casas do Maior os municipios de Laxe (pioneiro na Costa da Morte, que conta actualmente con dúas); Camariñas, que dispón de outras dúas; Cee; Mazaricos e Ponteceso. En Galicia, actualmente hai 104 en funcionamento, o que supón 520 prazas de atención diúrna en concellos onde non existían estes servizos, segundo subliñou Acevedo.

Cada casa oferta cinco prazas, que son asignadas a través dos Servizos Sociais de cada municipio e, segundo o director xeral, este servizo “consolidou na nosa comunidade un modelo de envellecemento de proximidade da máxima calidade”.

A iniciativa foi posta en marcha en 2018, e forma parte do compromiso da Xunta de achegar ás persoas maiores servizos que lles permitan vivir esta etapa das súas vidas onde e como prefiran.

Entre estes destacan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais aos domicilios de case 27.000 maiores; o programa de Coidados porta a porta, co que se prestan servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100 % de balde por toda Galicia; ou a teleasistencia avanzada, que pon a tecnoloxía a disposición dos maiores ofrecéndolles axuda e seguimento con só premer un botón.

30 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.