Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Este verán visítase e descúbrese o Pico Sacro dende dentro

Haberá 16 baixadas entre xullo e outubro // A primeira arrancará o vindeiro sábado día 30

O Pico Sacro cobra protagonismo neste verán. E é que o Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizan visitas guiadas á cova do Pico, que terán lugar os últimos sábados dos meses de xullo a outubro e que permitirán que un cento de persoas descubran os segredos da cova máis lendaria de Galicia. Todas as persoas interesadas en participar na iniciativa Descubrindo a espeleoloxía na cova do Pico Sacro poderán anotarse a través da páxina web www.espeleoloxia.org/web/visitapicosacro/.

O alcalde da vila, Manuel Fernández Munín, sinala que “dende o Concello valoramos moi positivamente esta iniciativa, que se desenvolve despois do éxito que tiveron as visitas realizadas durante o programa Un mes e pico. Para nós, este tipo de iniciativas son moi importantes non só dende o punto de vista patrimonial e espeleolóxico, senón tamén dende o punto de vista turístico xa que contribuirá a poñer en valor o Pico Sacro para aquelas persoas amantes dos deportes”.

O presidente en funcións da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Martínez García, explica que “a cova do Pico Sacro é unha das máis mitolóxicas de Galicia, pois sempre estivo rodeada de misterio e as súas historias, tanto reais como mitolóxicas, remóntanse á época da dominación romana e entroncan directamente coa Traslatio do Apóstolo Santiago a Galicia. Dende a Federación Galega de Espeleoloxía, en colaboración co Concello de Boqueixón, ofrecemos a posibilidade de realizar algo que ata o de agora non se podía facer: unha visita guiada ao interior da cova”.

As baixadas ás covas do Pico Sacro son totalmente seguras e estarán guiadas por técnicos da Federación Galega de Espeleoloxía, que se encargarán de proporcionar todo o equipo necesario para desfrutar desta actividade. Esta iniciativa dará comezo no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde as persoas participantes poderán coñecer as orixes desta cova e a súa influencia na historia Xacobea, onde entroncan coa Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela.

Tras unha pequena formación técnica sobre o manexo dos arneses, as cordas e a escaleira de baixada por parte dos monitores especializados, as seis persoas participantes trasladaranse ata a cova do Pico Sacro, onde baixarán de xeito individual e guiados en todo momento polos técnicos da Escola Galega de Espeleoloxía.

O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizan inicialmente 4 días de visita (sábados 30 de xullo, 27 de agosto, 24 de setembro e 22 de outubro) en 4 horarios diferentes, tanto de mañá (de 10.00 a 12.00 horas e de 12.00 a 14.00 horas) como de tarde (de 15.00 a 17.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas).

Establécese un máximo de 6 persoas por quenda e o prezo da visita guiada é de 15 euros e inclúe: visita guiada por monitores da Escola Galega de Espeleoloxía, equipamento, seguro de responsabilidade civil e de accidentes. Fernández Munín agradece a gran colaboración que veñen mantendo o Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía nos últimos anos”.

22 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.