Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CULTURA. Serena Producciones presenta no FIOT ‘Solo un metro de distancia’ // Cee acolle este sábado o plenario da Real Academia de Belas Artes // Na Laracha poderá verse desde o coche a película ‘Jumanji: the next level’ TEXTO Manuel Lavandeira

Estreas teatrais, cine, billarda e académicos na Costa da Morte

A Costa da Morte converterase esta fin de semana nun gran escenario cultural que acollerá estreas teatrais, autocine, presentacións literarias, agasallos en forma de libro e un plenario da Real Academia Galega de Belas Artes, entre outras propostas.

En Carballo, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) achégase a súa recta final. O Pazo da Cultura foi o recinto escollido para a estrea en Galicia de Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, unha obra que pon o foco no abuso sexual. A cita é este venres, día 22, ás 21.00 horas. O sábado, día 23 ás 23.00 horas, a compañía Voadora presentará Othello. Ademais esta fin de semana, o FIOT Fónico ofrece de xeito gratuíto os espectáculos O espello que arde (días 22 e 23, ás 19.00 horas, e o día 24 ás 13.00 horas, na estación vella de autobuses).

Pola súa banda, o sábado o Certame Metro Cadrado ofrecerá as estreas absolutas de A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero (12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 horas no Parque do Anllóns), e Old Play, de Antón Coucheiro (12.30, 13.30, 18.00 e 19.00 na cafetaría Xardín).

En Cabana de Bergantiños o teatro tamén será protagonista. Brais das Hortas presentará o domingo, ás 18.00 horas no auditorio municipal, o espectáculo Consertasso na horta, que conxuga teatro, humor e música para toda a familia.

Pola súa banda, en Cee conmemoran este venres, día 22, o Día das Bibliotecas e, con tal motivo, os usuarios que utilicen o servizo de préstamo a domicilio da Biblioteca Municipal Francisco Mayán serán agasallados cun libro. Ademais, no auditorio da Casa da Cultura a escritora Esperanza Mariño presentará o libro A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo. O acto comezará ás 20.00 horas.

A capital ceense acollerá tamén o sábado, día 23, un acto moi especial: o plenario da Real Academia Galega de Belas Artes, que se celebrará na Casa da Cultura, a partir das 12.00 horas. A iniciativa está enmarcada nas celebracións do Día das Artes Galegas 2020-2021, dedicado a Domingo Antonio de Andrade, nado na vila ceense. Os académicos serán recibidos pola alcaldesa, Margarita Lamela. Logo da sesión ordinaria, os membros da xunta de goberno da Real Academia asinarán no Libro de Sinaturas do Concello. A xornada completarase cun xantar de confraternidade e visitas ao Museo Fernando Blanco e á igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira, de Cee.

Na Laracha, esta fin de semana tamén están programadas dúas citas. Este venres, ás 19.00 horas no centro sociocomunitario de Caión, técnicos do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) impartirán a charla Veciñas do mar e do ceo, centrada na situación das distintas especies de aves mariñas que residen ou transitan pola Costa da Morte.

E o sábado, na praza Olonne sur Mer da Laracha, haberá sesión de autocine familiar coa proxección da película Jumanji: the next level. O pase principará ás 21.00 horas e o acceso permitirase media hora antes, sendo a entrada gratuíta e sen necesidade de reserva previa ata completar a capacidade do recinto.

En Laxe, a praia será escenario dunha xornada da Liga Internacional de Billarda, un deporte que ten a súa orixe na Mariña de Lugo e que un grupo de persoas recuperaron, xa que se estaba perdendo a tradición deste xogo, que só se realizaba en actos moi especiais e festivos. A cita é o domingo, a partir das 11.00 horas. No caso de que o tempo non acompañe, a proba será trasladada ao pavillón municipal laxense. Participarán xogadores das categorías infantil, feminina e absoluta.

22 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.