Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Estrella Arjomil, a ‘mamá’ vimiancesa dos enfermos de lepra en Mozambique

Leva 14 anos desenvolvendo tarefas humanitarias en África // Traballa para habilitar unha Casa da Providencia para maiores

Naceu na Valiña, en Vimianzo, nunha familia de nove irmáns -ela é a sétima- e dende hai catorce anos Estrella Arjomil exerce de anxo da garda de centos de afectados pola lepra en Mozambique.

Antes de viaxar a África levaba doce anos de monxa en Canarias pero “necesitaba máis, era demasiado feliz e decidin que quería unha experiencia de pobreza”, afirma. Primeiro viaxou a Maputo, a capital mozambinqueña, e alí faláronlle dos afectados de lepra de Cabo Delgado, unha zona moi abandonada e afectada por unha guerra.

Aínda que ao principio tivo dúbidas, trasladouse a Pemba, a capital da referida provincia e dende alí, co respaldo dunha asociación portuguesa e do sistema de saúde local, está a realizar unha gran labor humanitaria. Cada quince días desprázase as aldeas (as máis próximas están a 100 quilómetros), e durante outras dúas semanas alóxase en casas de misioneiros e adícase a percorrer as distintas poboacións para prestarlle asistencia a todos os afectados. “Moitos chamánme mamá, e iso é que xa te consideran coma dos seus”.

Asegura que é moi importante detectar a enfermidade na fase inicial, cando aparecen manchas claras na pel, pois eses casos poden curarse, pero cando o mal está avanzado xa non é posible”. A lepra está moi estendida na zona. “Nos últimos tempos detectáronse 495 casos novos, moitos deles en nenos e nenas de entre 5 e 12 anos”, afirma. Os sistemas de saúde son moi deficitarios e Estrella non só lles presta apoio a domicilio, senón que tamén acompaña aos enfermos cando precisan asistencia hospitalaria. Deesenvolve ademais accións de prevención.

“Facemos charlas sobre diversos temas, como remedios naturais aos que poden recorrer, e tamén doutros temas que lles afectan, non só de saúde”, afirma. Cando a situación o requiredemanda o apoio de ONGs como Unicef “pois é moi importante a colaboración”, engade.

Despois de catorce anos de entrega aos demais, asegura que se sinte “moi afortunada” e mantén vivo o seu espírito inconformista, o cal levouna a crear a Fundación Casa da Providencia, que xa foi autorizada polo goberno de Mozambique. O obxectivo da entidade é crear nas proximidades de Pambe un centro de asistencia de cen prazas para auxiliar aos anciáns afectados pola lepra e tamén para persoas con discapacidades psíquicas. Grazas ás aportacións solidarias xa conseguiu o terreo e habilitar un pozo de auga potable, e agora o reto é acometer as obras.

“Non será fácil, pois alí as obras son moi caras, pero teño moita confianza e estou convencida de que o conseguiremos”. Estes días, Estrella desfruta duns días de descanso na súa vila natal, en Vimianzo, onde co apoio do párroco, Daniel Turnes, e da veciñanza conqueriu recadar uns 3.000 euros para avanzar cara ese obxectivo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, recibiuna este venres na Casa da Cultura, e destacou que “Estrella leva este nome porque ilumina o camiño de centos de persoas que tanto o precisan”.

O luns regresará a Mozambique coa ilusión do primeiro día. “Aquí a xente quéixase moito, todo é moi negativo, e estase a crear unha xeración depresiva. En África, a pesares de todas as calamidades, teñen un espírito que os empuxa a saír adiante sempre”.

As persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo o seu labor poden consultar o blog https://estrellaarjomil.blogspot.com/ e quenes desexen colaborar coa causa poden facer as súas aportacións a través do número de conta 1111 0515 91 0002 do BCI Fomento.

19 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.