Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CONCURSO. Farano o día 11 en Santiago na final do concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos // Basearanse nas case mil respostas obtidas nun estudo estatístico TEXTO J. Ramos

Estudantes pontecesáns desvelarán se sabemos distinguir o lobo do can

O próximo venres os alumnos do Club de Ciencias do IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, defenderán na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC) o seu proxecto Lobo ou can, ti que dis?, que foi seleccionado entre os tres finalistas na categoría de terceiro e cuarto da ESO no XI Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos, que convoca a Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO).

O estudo desenvolvido polos estudantes pontecesáns é un proxecto de ciencia cidadá que busca dar resposta a unha pregunta repetida: “Somos capaces de distinguir un lobo dun can?”.

Tras obter case mil respostas en apenas tres semanas o estudo estatístico levou a unha conclusión que Brenda Rodríguez, Tomás Varela, Elena Torrado, Martín López e Yanira Castro defenderán no acto que terá lugar o día 11 de xuño na capital de Galicia, ao que asistirán acompañados pola súa profesora Clara Regueira Vilar.

Na súa categoría competirán polo primeiro premio con dous proxectos de estudantes do IES Agra do Orzán (A Coruña) e do IES Pontepedriña (Santiago). Os coruñeses darán resposta á pregunta “Como está o noso aire?”, da man dos seus autores: Pablo Araújo Rodríguez, Isabel Conde, Sabela Fiaño García, Nacho Canosa Gómez e Roque Varela Blanco, e a súa titora María Ángeles Martínez Rodríguez.

Pola súa banda, os composteláns defenderán o proxecto Optimizando rutas Pokémon, deseñado por Daniel Iglesias López, Hugo Vidal Pérez e Xián Paredes Diéguez, co apoio da súa profesora Marta Rodríguez Fernández.

Dende o instituto pontecesán Eduardo Pondal desexan e confían en que os seus alumnos e alumnas “na viaxe de volta no autobús traian consigo o primeiro premio aínda que en calquera caso sabemos que volverán coa satisfacción dun traballo ben feito”, afirman.

Hai que sinalar que este concurso premia proxectos de estatística e investigación entre alumnos de ESO, FP Básica, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia.

SATÉLITE. O pasado mes de maio, outro equipo, o Pontesat, formado por catro alumnos e dúas alumnas do IES Eduardo Pondal, de entre 14 e 19 anos, lanzaron un minisatélite do tamaño dunha lata de refresco para levar a cabo dúas misións no marco do certame CanSat, que organiza a Axencia Espacial Europea (ESA) e coordina en Galicia a Vicepresidencia segunda e as consellerías de Economía, Empresa e Innovación e Cultura, Educación e Universidade. O lanzamento tivo lugar no aeródromo de Rozas.

Na iniciativa participaron máis de medio cento de estudantes de nove institutos galegos. O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistema dun satélite real.

Unha proba máis da aposta do instituto pontecesán pola creatividade e a innovación nos seus plans formativos. Lembrar ademais que o pasado mes de febreiro dous dos seus alumnos, David Méndez Redondo e Martín Martínez Rioboo, conqueriron o primeiro e o segundo premio na XII Olimpiada de Xeoloxía. Tamén foron galardoados na categoría de Mellor Grupo Claudia Suárez Rivas, Yaissa Castro Rojo, Martín Martínez Rioboo e David Méndez. Todos eles contaron co apoio e a formación da súa profesora de Bioloxía e Xeoloxía, Isabel Segura.

05 jun 2021 / 17:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.