Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
INFORME. Dende 1997 non se rexistraba un valor tan alto: 3,20 euros, un 16 % máis respecto a 2020 // Na lonxa de Ribeira as cotizacións subiron un 22 % // Especies como a pescada ou o ourizo revalorizáronse polo aumento da demanda TEXTO S. Souto

Euforia nas lonxas polos mellores prezos medios en cinco lustros

O Consello da Xunta analizou un informe sobre a primeira venda de produtos do mar frescos realizada o ano pasado nas lonxas e centros autorizados de Galicia que mostra que o prezo medio das descargas acadou os 3,20 euros o quilo, a mellor cotización media de toda a serie histórica que se remonta a 1997. Esta cifra supón un incremento do 16 % (0,45 euros o quilo) sobre o valor medio do ano 2020, un fito que se produce nun contexto caracterizado polas dificultades derivadas da alerta sanitaria pola covid.

Esta mellora do prezo medio reflíctese na facturación global das lonxas galegas en 2021, que foi de máis de 424 millóns de euros, case un 3 % máis que en 2020, malia un descenso de preto do 12 % no volume de descargas de especies, que o pasado exercicio foi de preto de 133.000 toneladas. Isto reflicte unha evolución significativa na comercialización dos produtos do mar.

O informe destaca o bo comportamento da facturación do grupo dos bivalvos, cefalópodos, crustáceos e equinodermos. Esta achega reflíctese principalmente no caso dos bivalvos, que aportaron uns ingresos por primeira venda de case 74 millóns de euros. Esta cifra representa máis do 17 % da facturación total das lonxas e centros de primeira venda de Galicia e é un 11 % superior á rexistrada en 2020. Neste ámbito, a especie máis significativa é a ameixa xaponesa, cun prezo medio de 13,42 euros o quilo no pasado exercicio.

Non obstante, o grupo dos peixes supón máis do 68 % da facturación, con preto de 290 millóns de euros, e nel destaca a pescada, a especie máis importante da primeira venda de pesca fresca en Galicia, tanto en produción como en facturación.

En canto ás zonas xeográficas, as lonxas coruñesas foron as que máis especies descargaron e representan máis do 38 % da facturación, seguidas das da provincia de Pontevedra, que supoñen preto do 36 % dos ingresos, e das de Lugo, que supoñen case un 26 % do valor económico.

Destaca especialmente a zona de Arousa, onde a facturación de bivalvos supón máis do 45 % das vendas.

O informe da Consellería do Mar tamén destaca que as lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro se manteñen como as máis importantes de Galicia ao representar máis do 80 % do volume de descargas e máis do 70 % dos ingresos. En canto a ingresos, destacan tamén outras como Noia, O Grove, Carril, Cambados e Campelo, ca actividade centrada principalmente na frota de artes menores e o marisqueo a pé.

ATA 211,50 € POLO PERCEBE. Na lonxa do porto de Ribeira rexistrouse o ano pasado un incremeto dos prezos do 22 por cento. A ameixa babosa rexistrou nas lonxas de Área de Compostela un prezo medio de 23,58 euros, fronte ós 20,69 do ano anterior, mentres que o do linguado pasou de 16,70 a 18,37; o do polbo, de 7,86 a 9,03 e o da xarda, de 1,20 a 1,49.

Xa no tocante ós prezos máximos, e nas rulas do mesmo ámbito territorial, a ameixa babosa obtivo a súa mellor cotización na de Ribeira (73,91 euros); o lirio, na de Fisterra (5,30); o percebe, na de Aguiño (211,50); o polbo, na de Malpica (15,50); o sardiña, da de Corcubión (10) e o xurelo na de Muros (12).

delegribeira@elcorreogallego.es

o protagonista
“Houbo pouco xurelo e xarda pero moita pota voadora”
Fernando Carreira
Administrador da lonxa
de Ribeira

Na lonxa de Ribeira, unha das máis importantes de Galicia, danse cita ó longo do ano uns douscentos compradores, e descargan case medio milleiro de embarcacións chegadas de diferentes portos. O administrador desta rula, Fernando Carreira, sinala que, no balance do ano pasado, “a subida dos prezos nas subastas compensou a baixada da produción”.

Neste sentido, explica que houbo especies que viron incrementada a súa cotización, nuns casos debido ó aumento da demanda, como o ourizo de mar, a navalla ou a pescada, e noutros porque escasearon as capturas, como a xarda ou o xurelo”. Asimesmo, Carreira indica que, no lado oposto, houbo especies cuxo prezo medio baixou, como a sardiña ou a pota voadora, porque precisamente aumentaron as súas capturas. No caso desta última especie, por exemplo, mesmo chegou a triplicar a cifra de produción de 2020, “porque apareceu un banco excepcional nas Rías Baixas”, dixo.

As capturas de peixe e marisco e, sobre todo, as boas cotizacións, permitiron incrementar o ano pasado a facturación das lonxas de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo. Un aumento que permitiu pechar o exercicio cuns ingresos de case 86 millóns de euros (un incrementó dun 2 % respecto ó ano 2020).

{ a letra pequena }
Produtos ben valorados
Suso Souto

QUE SE INCREMENTEn os prezos dos produtos do mar nun ano marcado polas consecuencias que tivo a pandemia para un sector estratéxico como o do turismo, é, aínda que obedeza a varias causas, un bo sinal da excelente calidade e do prestixio do que gozan os pescados e mariscos que pasan polas lonxas galegas. As rulas da Costa da Morte, Bergantiños, Barbanza e Noia-Muros mobilizaron en 2021 máis de 36,3 millóns de quilos de peixe e marisco, unha contía sensiblemente inferior á do ano anterior, que se pechou con máis de 43,6 millóns. A maioría dos portos rexistraron, non obstante, un aumento dos ingresos polas vendas en lonxa. Tras a revalorización de especies como o ourizo de mar hai unha comercialización en auxe.

31 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.