Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OBRAS. Os traballos comezaron a finais de 2019 e espérase que queden rematados nos vindeiros meses // Aportará seguridade e eficiencia ao sector mariñeiro // En marcha un proxecto de posta en valor da lonxa e a cultura mariñeira TEXTO J. Ramos

Executada xa máis da metade da dragaxe no porto de Laxe

As demandadas e esperadas obras de dragaxe do porto de Laxe avanzan a bo ritmo e máis do cincuenta por cento dos traballos previstos xa foron executados, segundo confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa visita á referida vila mariñeira.

Recoñeceu que se trata de dar resposta “a unha demanda histórica, e somos conscientes de que hai tempo que tiñamos cuestións pendentes en Laxe, e a dragaxe era unha delas”. Respecto ao remate das obras indicou que “esperamos entregalas nos vindeiros meses”, aínda que, engadiu, “vai depender das condicións meteorolóxicas e dos meses que se poida traballar, pero a dragaxe xa non ten marcha atrás”.

Asegurou que se trata de obras difíciles e complexas, pero moi necesarias “para dar seguridade á xente que traballa no porto e para dar maior capacidade de captura e comercialización”. Nesa liña, o presidente da Xunta salientou que coas obras que se están a desenvolver, cun orzamento de 3,6 millóns de euros, e que xa están completadas en máis dun 50 %, Laxe terá “un porto máis seguro, máis accesible, con maior calado e un porto onde se vai poder traballar con máis seguridade e, polo tanto, con máis eficiencia”.

Hai que lembrar que os traballos comezaron a finais do ano 2019 e a obra conta cun orzamento de máis de 3,6 millóns de euros. O obxectivo é dragar 57.300 metros cúbicos de material rochoso e areoso da dársena para contrarrestar os riscos que teñen para a seguridade das embarcacións os efectos asociados ás ondas longas non interior do porto.

A dragaxe, froito de varios estudos relacionados coas dinámicas e a axitación provocadas polas ondas, permitirá que haxa un calado suficiente para o fondeo seguro dos barcos en determinadas condicións de fortes variacións do nivel de auga dentro do porto. O proxecto contempla acadar os 5 metros de calado en toda a dársena e ampliarase tamén a operatividade do peirao da lonxa ao dotalo dun calado de tres metros.

A maiores desta actuación, Feijóo explicou que a Xunta contratou o servizo harmonizado para a redacción de estudos ambientais e de dragaxe para máis dunha trintena de portos autonómicos. “Nos últimos anos o Goberno galego leva investidos en materia de dragaxes 12 millóns de euros”, abundou Feijóo.

Por outra banda, destacou que a Xunta aprobou este ano cincuenta e cinco proxectos presentados polas confrarías galegas para modernizar portos, lonxas e lugares de desembarque. No que respecta aos vinculados ao porto de Laxe, e logo de valorar a implicación da confraría de Santa María de Atalaia, Feijóo incidiu no proxecto de promoción e posta en valor da lonxa e da cultura mariñeira. O obxectivo é dar visibilidade aos produtos da pesca costeira artesanal, á forma de vida dos mariñeiros e á cultura mariñeira.

A maiores, a adquisición de material expositivo permitirá realizar eventos e mostras itinerantes, e está previsto tamén crear un gran mural na fachada sur da rula.

Asimesmo, están en execución obras para mellorar a eficiencia enerxética da lonxa e da fábrica de xeo da confraría cun proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos e estase a fornecer á rula de dúas máquinas hidrolimpadoras.

O protagonista
“A xente do mar segue traendo riqueza”
Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a súa estancia na vila mariñeira de Laxe para reiterar o agradecemento e recoñecemento a todo o sector do mar pola súa labor durante a crise da COVID. “As xentes do mar, contra vento e marea, seguen pescando, seguen traendo sustento e seguen traendo riqueza”, aseverou.

Estivo acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde de Laxe, José Luis Pérez; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor; a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas; e o patrón maior da confraría de pescadores, Manuel Villar Vidal, entre outros.

Ademais de supervisar as obras de dragaxe, o primeiro mandatario autonómico tamén visitou a lonxa de pescados e mariscos laxense, onde compartiu uns momentos con traballadores e mariñeiros.

{ PASABA POR AQUÍ }
Atender as necesidades
Manuel Lavandeira

O Presidente da Xunta sinalou que un investimento de máis de 3,6 millóns de euros, como o que se está a facer na dragaxe do porto de Laxe, se se fixese en terra tería moita máis repercusión, pero como son actuacións que se acometen debaixo do mar non teñen ese grao de valorización por parte da poboación. É certo, pero non por iso o investimento é menos importante. Os mariñeiros da vila laxense saben ben que esta é un obra vital, en todo o sentido da palabra. Aínda está no recordo de todos aquela noite de temporal de xaneiro de 2014 na que unha embarcación acabou no fondo do porto e varios armadores puxeron en risco a súa integridade para tentar salvar os seus barcos. Será cara a obra, pero as vidas non teñen prezo.

30 ago 2021 / 17:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.