Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
GALEGO. A Baña abre unha exposición na axencia de lectura municipal // Melide celebrará un obradoiro de Rap improvisado en galego // A Estrada tivo unha ofrenda floral e Camariñas entregou os premios do certame escolar TEXTO Ana Pérez

Explosión de actividades para pór en valor as nosas Letras

Onte Galicia celebrou o Día das nosas Letras e, por suposto, sumáronse á cita os municipios da Área compostelá. Moitos deles xa levan varias xornadas programando actividades en honra ao noso idioma e a Xela Arias, e incluso nalgúns as propostas continúan. É o caso por exemplo do Concello de A Baña, que organizou unha exposición na axencia de lectura municipal que conta tamén cunha referencia a Xela Aria, e que estará aberta a todo o público a partir de hoxe.

Na Costa da Morte, Carballo inaugurou oficialmente a Praza Xela Arias, nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, quen asegurou que este novo espazo vai “engrandecer o nome do noso concello”. En Camariñas, a aula Raquel Moreira Carril do Museo de Encaixe acolleu a entrega de premios do certame escolar organizado polo Concello, aos que a alcaldesa, Sandra Insua, e a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, fixeron entrega dos seus respectivos cheques regalo.

E en Malpica, a Praza Anselmo Villar Amigo acolleu unha lectura pública de poemas de Xela Arias, na que participaron, entre outros, o alcalde; Walter Pardo, a concelleira de Cultura; Leticia Varela, e o presidente da A.C. Caldeirón; Paco de Tano. A música puxérona os membros da Asociación Cultural Malante.

Porto do Son e Muros celebraron o 17 de Maio con cadanseu espectáculo. En Noia desenvolvéronse diferentes actos na alameda da vila: unha actuación de danza, a intervención dramatizada de Serafín Marcos e unha ofrenda floral ante os bustos de Antón Avilés de Taramancos e María Mariño. Xa en Lousame, inaugurouse onte a II Exposición Etnográfica de Fotografía do Club de Xubilados de Lousame, que poderá visitarse todos os domingos polas tardes na sede da entidade en Aldeagrande. Un proxecto organizado pola asociación de maiores do municipio en colaboración co Concello, Xacobeo 2021, a Deputación da Coruña e a Fegamp. A mostra recolle 99 fotografías antigas, entre os anos 30 e 60 do século pasado, achegadas por unha vintena de veciños e veciñas.

Pola súa banda, onte A Estrada desenvolveu a cita coa ofrenda floral nos xardíns municipais, no monolito aos irmáns Marcial Valladares. Tamen houbo concerto do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso. Igualmente, en Rois botou man da música para homenaxear as nosas Letras. Uns vinte alumnos e alumnas, dos máis de oitenta que acoden á Escola Municipal de Música (ESMU), ofreceron un concerto telemático. O vídeo comeza coa actuación da pianista Sara Ferreiro, que interpreta Happy Cowboy e remata coa tamén alumna de piano Paula Abaña Pérez interpretando Happy Sol.

Arzúa contou co espectáculo Epístola ás neofalantes, da compañía Aldaolado. Foi unha proposta para maiores de 16 anos onde a poesía, a música e sobre todo o humor estiveron orientados a reafirmar o noso idioma como unha lingua moderna. A actuación foi tamén retransmitida en directo a través da páxina de Facebook do Departamento de Cultura.

Touro homenaxeará ao galego os vindeiros días 21 e 28 con dúas funcións para os máis pequenos: Árbore das músicas e O segredo do tendal respectivamente.

E, do mesmo xeito, o Concello de Melide celebrou onte un contacontos e obradoiro de debuxo ilustrado. Os días 22 e 23 terán lugar no Parque de Rosalía de Castro e no Centro Sociocultural Mingos de Pita un obradoiro de Rap Improvisado en Galego.

18 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.