Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fe e diversión convivirán durante cinco días na romaría da Barca de Muxía

Vinte e unha bombas de palenque anunciarán este xoves, ás doce do mediodía, o inicio desta celebración declarada de Interese Turístico Nacional

A tirada de 21 bombas de palenque anunciará este xoves, día 8 de setembro ás 12.00 horas, o comezo oficial da Romaría da Barca de Muxía. Serán cinco días de festa, ata o luns (incluído), nos que convivirán as mostras de fe e devoción á Virxe da Barca e a diversión nunha celebración declarada de Interese Turístico Nacional.

Na vila muxiana xa está todo preparado para que a chamada “volta a normalidade” se manifeste tamén na definida como a romaría máis popular de toda Galicia. Nesta primeira xornada haberá misas como de costume, pasarrúas, sesión vermú e verbena amenizada polo Dúo Charada. O venres, día 9, a música chegará da man da Disco Móbil CDC, que acompañará na verbena á orquestra El Combo Dominicano.

Na xornada seguinte, o popular Sábado da Barca, a festa non terá fin, xa que a verbena alongarase ata a saída do sol o domingo. A orquestra Magos de España amenizará a sesión vermú e, xunto con París de Noia e a Disco Móbil CDC, farán posible que a música non deixe de soar durante toda a noite. Tan só farán unha parada ás 00.30 horas para que os veciños e romeiros desfruten dunha gran sesión de fogos de artificio.

O día grande será o domingo 11, no que haberá misas rezadas pola mañá e pola tarde, e ás 12.30 horas comezará o acto solemne no exterior do santuario da Virxe da Barca. Ao remate terá lugar a procesión ata o porto de Muxía, onde o párroco impartirá a bendición aos catro ventos e, de seguido, comezará a tirada da maior traca de bombas de toda Galicia. A imaxe da Virxe será levada, de novo en procesión, ata a igrexa parroquial, onde pernoctará ata o luns.

No plano lúdico, a música na sesión vermú correrá a cargo da orquestra Fuego, que actuará tamén na verbena, xunto coa cantante galega Mar Davila e o seu grupo musical Los Satélites.

A romaría chegará ao seu fin o luns, día 12. Ao mediodía a Virxe da Barca regresará ao seu santuario en procesión e, de seguido, celebrarase unha misa solemne. As últimas notas musicais correrán a cargo da orquestra Escaparate, que tocará na sesión vermú e tamén acompañará na verbena ao grupo Los Coleguitas.

Xigantes e cabezudos, acompañados de grupos de gaitas, animarán as rúas da vila muxiá durante os cinco días que dura esta romaría.

08 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.