Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello diseña un amplo programa de actividades en torno ao popular festexo, aínda que non haberá actos multitudinarios pola pandemia// Oganizan concursos, obradoiros, showcookings e catas en torno ó peixe e a aguardente TEXTO Sol Elvira

Festa da Anguía e Caña do País no agosto gastronómico de Valga

O Centro de Interpretación da Caña do País acolleu onte a presentación do agosto gastronómico que organiza o Concello de Valga con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia. O acto contou coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e os integrantes da empresa Indo e Vindo, que se encargará da realización das actividades: os chefs Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña.

Durante todo o mes de agosto desenvolveranse distintas iniciativas relacionadas coa gastronomía co obxectivo de enxalzar os dous produtos icónicos da festa: a anguía e a caña. Haberá concursos, obradoiros, catas e showcookings nos que a participación será gratuíta, pero que terán un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán distribuídos entre as familias sen recursos a través do departamento de Servizos Sociais.

A programación dará comezo o día 4 de agosto cun obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos no Parque Irmáns Dios Mosquera. Elaborarán dous pratos: un salgado, que terá como ingrediente principal a anguía, e un doce. Entre o 12 e 18 de agosto terá lugar o concurso Anguía Chef, dirixido a mozos de entre 13 e 18 anos. Durante estas dúas xornadas, catro equipos integrados por catro rapaces competirán por ser os mellores cociñando anguía. Deberán superar unha primeira eliminatoria para clasificarse para a gran final do día 18 e haberá premios para os gañadores.

O Centro de Interpretación acollerá tamén tres showcookings. Serán os días 13, 20 e 29 de agosto. No primeiro, co título A caña no prato, os chefs cociñarán en directo catro tapas realizadas con caña do país, que os asistentes poderán degustar. A segunda demostración será Universo anguía e consistirá na realización de catro petiscos que terán a este peixe como ingrediente principal. O último showcooking será Moito máis que caña e correrá a cargo do cocteleiro Diego Dasilva, que preparará catro cócteles con augardente do país.

Outra das actividades prevista no marco deste mes dedicado á gastronomía será unha cata-maridaxe que se celebrará no xardín posterior do Museo da Historia o día 25 de agosto. Os participantes degustarán catro pratos –tres salgados e un doce– preparados con anguía e caña.

Debido á situación sanitaria todas estas actividades teñen un aforo limitado a 25 persoas, agás Anguía Chef.

A programación complétase con dous concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram. Haberá tres premios de tres lotes de produtos galegos valorados en 100 euros cada un.

No tocante ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación. O premio tamén un lote de produtos valorado en 100 euros.

En canto a Festa da Anguía e a Caña do Paíse, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, avanzou que nesta edición non haberá grandes actos, como xa acontecera o ano pasado. Entre as actividades que se manteñen atópanse a Ruta de Tapas nos locais de hostalería, as dúas últimas fins de semana de agosto, e o Concurso da Caña do País, que se celebrará os días 26 e 27.

15 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.