Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ESTRATEXIA. Luz verde á financiación de cincuenta e cinco proxectos presentados polas confrarías // O orzamento global supera os dous millóns e medio de euros // Céntranse na mellora enerxética e na protección do medio ambiente TEXTO Suso Souto

Firme aposta millonaria para modernizar portos e lonxas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este luns o porto de Fisterra para comprobar as melloras introducidas nos seus equipamentos nos últimos tempos e informar das axudas que ten o sector á súa disposición para seguir avanzando neste eido. A titular de Mar lembrou que o Executivo galego aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores para modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque cun orzamento total de máis de 2,5 millóns de euros e que, con eles, a Xunta leva investidos desde 2016 máis de 10 millóns de euros en achegas para máis de 330 actuacións deste tipo.

Rosa Quintana destacou que esta estratexia ten demostrado a súa eficacia, e incidiu na importancia de continuar traballando nesta liña. Por iso, indicou, a Administración galega vai publicar esta mesma semana unha nova convocatoria de axudas para proxectos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda dos produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque que contará cun orzamento de 800.000 euros a repartir entre 2021 e 2022.

Trátase dunha convocatoria que se realiza por primeira vez e que está dirixida ás organizacións de produtores da pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras a pé, asociacións profesionais de redeiras e confrarías de pescadores. No caso dos pósitos, só serán subvencionables aqueles proxectos que inclúan investimentos diferentes aos abordados en convocatorias de axudas anteriores.

Ao igual que nas achegas xa resoltas, os proxectos subvencionables poden selo ao 100 % e deben ter entre os seus obxectivos mellorar a eficiencia enerxética das instalacións –modernizando os sistemas de iluminación– ou incorporar equipamentos que contribúan á protección do medio ambiente –proxectos de enerxía fotovoltaica nas instalacións destinados ao autoconsumo–, din.

Entre as finalidades das actuacións tamén está a mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras coa adquisición de equipamentos de movemento de cargas como carretillas, empilladores ou transpaletas; o incremento da calidade, do control e da trazabilidade dos produtos desembarcados mediante a compra de colectores isotermos, equipamentos de pesada ou casetas desmontables para puntos de control da actividade marisqueira; e a modernización de infraestruturas portuarias pesqueiras mediante obras para crear novos espazos nos inmobles, adaptar os chans ou mellorar o seu illamento, entre outras.

Precisamente, o porto da localidade de Fisterra beneficiouse nos últimos anos de varias axudas deste tipo entre as que destaca a adquisición dun carro varadoiro automotor somerxible. A adquisición deste equipamento, segundo explicou a conselleira do Mar, supuxo un investimento de preto de 280.000 euros e mellorou considerablemente a operatividade do porto ao permitir a varada en terra de ata quince embarcacións á vez, cando antes de contar con este dispositivo só se podían varar de unha en unha.

Son todos investimentos, engadiu Rosa Quintana, que contribúen a impulsar a competitividade dos peiraos e a facilitar o traballo dos profesionais do mar.

A representante do Executivo galego tamén aproveitou a visita para comprobar o estado dos traballos de mellora dos pantaláns de Fisterra, unha actuación que Portos de Galicia licitou de forma conxunta con outras sete doutros peiraos da provincia da Coruña.

Neste caso, as obras, que contan cun orzamento de 288.000 euros, céntranse na substitución de elementos de madeira e na reparación e renovación dos pavimentos co obxectivo de reducir o risco de esvaróns e mellorar os elementos auxiliares dos pantaláns.

A titular de Mar mantivo ademais un encontro cos representantes da confraría de pescadores local co obxectivo de avaliar as necesidades máis urxentes do sector. Ao mesmo tempo, analizaron a evolución da actividade marítimo-pesqueira do porto nos últimos meses e o impacto da alerta sanitaria polo coronavirus.

a protagonista
“Os proxectos son bo sinal de recuperación”
Rosa Quintana Carballo
Conselleira de Mar

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, destacou que “o sector do mar quizá foi o que menos afectación económica tivo durante a pandemia. Descenderon un 10 % as descargas e un 5 % a facturación, pero a industria da transformación permitiu que a balanza arroxase resultados positivos. Este ano, a estas axudas presentáronse 55 proxectos, e esa é unba boa señal”. Con todo, dixo que “mentres non sexa capaz de restablecerse totalmente a hostalería, da que a nosa pesca e o marisqueo son moi dependentes, aínda se notará esa afectación”.

{ a letra pequena }
Apoio a un sector vital
Suso Souto

SÁBENO BEN OS ECONOMISTAS: intentar impulsar os investimentos en sectores estratéxicos durante as etapas de desaceleración é vital para poder afrontar a recuperación en condicións de competitividade. O esforzo que está levando a cabo a Consellería do Mar para modernizar as instalacións dos portos, lonxas e puntos de desembarque ten como finalidade apoiar co financiamento necesario un sector vital para a nosa economía que, precisamente coa presentación de proxectos, está demostrando que é agora o momento de apuntalalo. Trátase, pois, dun forte impulso á competitividade e á profesionalización da pesca e do marisqueo, que són só unha parte dunha cadea produtiva que tira considerablemente do turismo.

11 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.