Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fomentan a creatividade da rapazada cun certame homenaxe a Gervasio Sar

Amigos do artista muxián convidan ós escolares a recrear con pintura e debuxos os valores da contorna // A técnica é libre

A Asociación de Amigos de Gervasio Sar (Muxía, 1958-2020) quere render un novo tributo ao pintor involucrando aos máis novos para que desfruten do seu tempo libre dunha maneira creativa recreando os valores da súa contorna. Con tal fin convocaron o I Concurso de Debuxo e Pintura Gervasio Sar, ao que están convidados os escolares de infantil, primaria e secundaria de todos os centros do municipio. A temática debe centrarse en autorretratos ou no faro da punta da Barca.

A técnica é totalmente libre e poderanse empregar todo tipo de follas, táboas, lenzos ou outros soportes. Os traballos deberán presentarse antes do 21 de decembro na libraría Arroutada. O xurado, que estará formado por membros da Asociación de Amigos de Gervasio Sar, dará a coñecer o fallo o día 6 de xaneiro. Todos os participantes recibirán un diploma e haberá tres premios por categoría consistentes en lotes de material de pintura e debuxo axeitados á idade dos autores e tamén un trofeo (consistente nun gravado coa silueta do faro da Barca) para os gañadores. O centro escolar máis participativo recibirá unha obra do artista.

A entrega dos premios terá lugar nunha cerimonia programada para o día 14 de xaneiro no salón de actos do Museo do Voluntariado.

Dende a asociación aseguran que “Gervasio Sar soñou sempre ser artista e fíxoo co corazón aberto dun neno, reinventando a xeografía dunha vila atlántica, a topografía do seu mar e a súa paisaxe etnográfica e humana”. Así, lembran que na súa obra xurden desde a punta da Barca ata a rambleta, os acantilados perdidos, as gamelas varadas, a memoria dos secadoiros de congro, “e os rostros poboados indistintamente por peixes, áncoras, barcos, cruces, buguinas, percebes ou aves; iconografías identitarias dun carácter e dunha cultura”.

O colectivo de amigos do artista muxián vén artellando dende o pasado mes de agosto múltiples actividades arredor da figura do pintor, ao que definen como “un dos nosos referentes nun pobo inzado de artistas”.

Entre eses actos hay que subliñar a organización da exposición homenaxe O diván de Freud no faro do fin do camiño, que se pode visitar na sala A Camposa, do Salón do Voluntariado da vila da Barca. Nestes dous últimos meses, as actividades programadas xiraron arredor do lema Gervasio, as escolas.

NOS COLEXIOS. A asociación repartiu catálogos e cadernos de actividades nos colexios do municipio muxián para difundir entre as nenas e nenos en idade escolar a vida e obra do artista. Dimas Búa, familiar de Gervasio, e a secretaria do colectivo de amigos, Mercé Barrientos, visitaron a escola de Vilarmide, onde lle explicaron ao alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso “as claves da obra deste artista; as infinitas posibilidades vividas para superar calquera atranco ou limitación e a importancia de valorar e coidar dos nosos e do noso”.

Tamén compartiron experiencias cos estudantes do IES Ramón Caamaño de Muxía. Os alumnos e alumnas dos dous centros visitaron a mostra para coñecer mellor a obra de Gervasio Sar.

15 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.