Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fomento deseña un acceso directo para o Polígono do Novo Milladoiro

Este plan modifica ao aprobado polo Concello co apoio dos empresarios //A maiores o consistorio ampliará a capacidade de aparcamento do Parque

O Ministerio presentou un novo deseño que dá acceso a zona empresarial sen necesidade de pasar pola glorieta, dando deste modo unha alternativa de entrada e de saída, coa finalidade de proporcionar unha maior axilidade ao tráfico rodado. A problemática nace no momento no que este novo proxecto modifica ao aprobado polo Concello en acordo coa Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro. O seu presidente, Javier Santos, insiste en retomar a proposta inicial que propoñía unha rotonda de dobre altura, “esta rotonda serviría tanto para aliviar o tráfico de entrada coma o de saída ao polígono e ao mesmo tempo o do interior do Milladoiro; é unha solución máis laboriosa pero tamén a longo prazo”. Isto enmárcase dentro da iniciativa de humanizar a Nacional 550, que cruza O Milladoiro e comunica vilas como Padrón ou Cesures con Santiago de Compostela. O alcalde de Ames, Blas García, vaille trasladar a petición dos empresarios de volver á proposta inicial tanto ao Ministerio de Fomento como ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

Mobilidade. O rexedor aproveitou a reunión entre os membros do goberno e os integrantes da directiva da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro para comunicarlles que está previsto que se amplíe a capacidade de aparcamento do Polígono. Tal e como dixo Blas García: “o aparcamento vaise ampliar en 100 prazas na rúa Castiñeiras, imos pasar de 48 a 104 prazas no primeiro tramo e de 40 a 60 no segundo ao aproveitar as zonas de vexetación”. Pola contra, Javier Santos, amosou a súa satisfacción ante a nova, “a ampliación dos aparcamentos é unha actuación moi necesaria porque o polígono do Novo Milladoiro está a vivir un momento de crecemento económico cun aumento das naves, do número de empregados e as empresas en alza”. Esta non foi a única noticia que o Concello lle transmitiu aos membros da asociación alí presentes.

Outra das actuacións que vai realizar o Concello de Ames no polígono do Novo Milladoiro é un estudo de mobilidade. Este, que vai comezar en setembro, ten por obxecto mellorar o tránsito de vehículos e camións, facilitar o acceso ás naves ou afondar na seguridade viaria do parque empresarial. A concelleira de tráfico e mobilidade, Beatriz Martínez, solicitou a colaboración das/os empresarias/os para coñecer a problemática das empresas do polígono, recoller as súas necesidades e as súas sensibilidades. Estes agradeceron poder participar nesta primeira fase de análise e diagnóstico e insistiron en que o estudo debe equilibrar a practicidade coa seguridade. O goberno comprometeuse a manter outra reunión cos empresarios e empresarias unha vez finalizado o estudo para facer unha posta en común de todo o analizado.

Deste modo e a través do traballo que están a realizar de forma conxunta o equipo de goberno e a Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, estanse a pór en marcha iniciativas que fomentan a seguridade e a mellora de tódalas instalacións existentes no polígono do municipio amiense do Milladoiro. Co incremento da capacidade do aparcamento e o estudo de mobilidade o Concello busca conseguir que a actividade empresarial e humana que se realiza na zona sexa o máis cosubstancial posible.

10 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.