Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
inserción. Estanse a impartir corenta e dous cursos AFD en seis concellos // Un dos obxectivos é adaptarse ás necesidades reais das empresas // Dous de cada tres participantes están a conseguir un traballo nun prazo de seis meses TEXTO J. M. Ramos

Formación en Costa da Morte para seiscentos desempregados

Os concellos de Bergantiños e da Costa da Morte acollen un total de 42 cursos nos que se está a formar a máis de 630 alumnos en empresas e entidades sen ánimo de lucro, e catro deles están sendo impartidos polo Concello de Carballo. Os organizadores ofertan accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e a obra civil, así como as competencias clave e dixitais.

No caso dos ciclos impartidos polo Concello carballés, están a formar novos profesionais nas especialidades de soldadura con electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, cociña e montaxe de mobles e elementos de carpintería.

Polo que respecta aos cursos que imparten outras entidades estanse a formar especialistas en actividades de venda; técnicos en operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais; representación de proxectos de edificación; control de proxectos e obras de construción; sistemas microinformáticos; confección e publicación de páxinas web; representación de proxectos de obra civil; cortinas e complementos de decoración; arranxos e adaptacións de garantías e artigos de textil e pel; seguridade informática; docencia da formación profesional para o emprego; mercadotecnia e compravenda internacional; creación e xestión de microempresas; comunicación en lingua castelá; competencia matemática; xestión e control do aprovisionamento; organización e xestión de almacéns; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; atención sociosanitaria a persoas no domicilio; organización do transporte e a distribución; e competencia clave nivel 2 para certificados de profesionalidade con idioma galego.

Esta iniciativa ten como obxectivo seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2021-2022), o que posibilita que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Os participantes nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnas vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

Nas últimas edicións alcanzouse un grao de inserción de preto do 60 % e deles, 2 de cada 3, conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso. Na selección do alumnado teñen preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de trinta anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta semana aos quince alumnos do curso de operacións auxiliares en servizos administrativos que está a impartir actualmente Cogami en Cabana.

“na provincia o investimento supera os 14,5 millóns”
{ pasaba por aquí }
Capital humano
Manuel Lavandeira

o mercado de traballo, froito da evolución, é moi dinámico e cambiante, polo que a formación é un piar básico para dar a resposta axeitada ás necesidades reais das empresas. Afortunadamente, dun tempo a esta parte os plans formativos das administracións públicas estanse adaptando a esa realidade para non caer en erros do pasado, nos que a oferta era moi limitada e en moitos casos repetitiva. O dinamismo e a actualización tamén se ten que plasmar nos plans de formación, o cal redundará en beneficio de todas as partes, tanto das persoas desempregadas que procuran a inserción laboral como dos empregadores que requiren duns perfís determinados e coa cualificación suficiente para poder formar parte das empresas.

24 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito