Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
APOSTA POLA INSERCIÓN. Once mulleres con discapacidade ou en risco de exclusión social participaron nun curso de cociña impartido por Miguel Mosteiro // Aprenderon os segredos de cortes, fumés, salsas, sofritos e repostería // Oito delas recibiron tamén o carné para a manipulación de alimentos TEXTO S. Souto

Formación laboral entre fogóns en O Son

O viveiro de empresas de Porto do Son acolleu a entrega de diplomas dun curso de cociña que se desenvolveu durante este mes de xuño nas citadas instalacións e no que participaron un total de once mulleres de diferentes localidades do municipio. O acto de entrega estivo presidido por José M. Pazó, orientador laboral do Concello, e contou tamén coa participación de Manuel Mariño, presidente da Asociación de Empresarios de Portosín; o formador do curso, Miguel Mosteiro, xefe de cociña en Gastrolab Arousa; e Miguel Beiro, responsable da área de emprego da asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, que foi a que impartiu a formación.

“Sabemos que a vosa implicación foi excelente e esperamos unha pronta inserción laboral”. Así lle daba Beiro os parabéns ás alumnas.

“Temos asociada moita xente en hostalería e esperamos pronto contar con vós para próximas insercións laborais”, sinalou Mariño pola súa banda, mentres que Jose Pazó salientou o feito de poder seguir contando con Amicos para realizar cursos e mellorar a formación dos veciños do concello para a súa formación profesional.

Tras a entrega de diplomas levouse a cabo un showcooking por parte das propias participantes no curso para poñer en valor todo o aprendido. “Queda inaugurado o cáterin deste obradoiro”, indicaron as cociñeiras mentres ofrecían ós asistentes unha degustación dos suculentos pratos elaborados.

“Tiveron unha implicación moi notable. Cada día fixemos entre seis e oito receitas, intentando facer sempre un menú completo cun ou dous postres. Tamén intentamos que os platos foran variados, entre carnes e pescados”, explicaba Miguel Mosteiro. A nivel técnico, as once alumnas adquiriron habilidades en diferentes tipos de cortes, fumés, sofritos, masas e moita variedade de repostería. “O que máis me gustou foi aprender a facer repostería e diferentes tipos de salsas. Agora gustaríame traballar de axudante de cociña”, sinala Maricarmen, unha das beneficiarias desta acción formativa levada a cabo en Porto do Son.

Este proxecto densenvolveuse no marco do proxecto Máis Emprego e en colaboración ca Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo, que permite mellorar a formación e a empregabilidade de persoas con discapacidade e ou en risco de exclusión social. Esta iniciativa de capacitación profesional tamén tivo como complemento a consecución do título de manipuladora de alimentos para oito das mulleres.

ITINERARIOS DE INSERCIÓN. O proxecto Máis Emprego que está a executar Amicos consiste na realización de itinerarios de inserción sociolaboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, prioritariamente con discapacidade.

Por outra banda, o pasado mes de abril o centro cultural Lustres Rivas de Ribeira acolleu a un grupo de 15 mulleres participantes no Programa Integrado de Emprego de dita entidade no que puideron coñecer de primeira man cales son as competencias necesarias para conseguir e manter un posto de traballo. Un plan no que participan cen féminas que se capacitarán tamén en ámbitos como novas tecnoloxías, idiomas, técnicas de coaching, intelixencia emocional, motivación ou fomento da capacidade emprendedora.

areadecompostela@elcorreogallego.es

29 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.