Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Forte apoio á aposta pola dixitalización da hostalería barbanzá

O Igape impulsou a adaptación tecnolóxica de medio cento de iniciativas con 200.000 euros

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou este venres as instalacións de Xanxo Servizos Turísticos, un establecemento hostaleiro da Pobra no que quixo poñer en valor a adaptación e a aposta do tecido produtivo da comarca do Barbanza pola dixitalización, na procura da mellora continua da súa competitividade.

Guldrís salientou as posibilidades que ofrece a Pemes e autónomos galegos o programa Cheque Dixital, que vén de abrir unha nova convocatoria e que permitiu, desde o seu lanzamento en xuño de 2020, impulsar preto de 2.400 proxectos en Galicia e investimentos por importe de máis de 11,5 millóns de euros.

No caso da zona barbanzá, foron medio cento de iniciativas, que mobilizaron preto de 200.000 euros, contribuíndo así á adaptación tecnolóxica do tecido produtivo.

Unha destas iniciativas foi a promovida polo citado establecemento hostaleiro que, grazas ao Cheque Dixital, puido adaptar os seus sistemas de xestión de contidos electrónicos, como menús ou cartas, ademais de apostar polas novas tecnoloxías nos procesos de comercialización.

“Xanxo é un referente no sector hostaleiro da comarca desde hai catro décadas, e agora ten sabido adaptarse aos novos tempos”, sinalou o director do Igape, quen apuntou que neste proceso de adaptación a empresa se ten beneficiado tamén do programa de axudas para o acondicionamento de terrazas.

Neste marco, resaltou que coa segunda convocatoria, cuxo período de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de setembro, a Xunta aspira a chegar a máis de mil autónomos e Pemes galegas, favorecendo deste xeito a mellora da súa competitividade a través do fomento de proxectos no eido da dixitalización. Unha transformación que debe chegar a todo o tecido empresarial –desde as grandes ás pequenas empresas– e a todo o territorio, especialmente ao ámbito rural.

CIBERSEGURIDADE. Desta volta, a liña suma un orzamento de catro millóns de euros, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da COVID, ata outras melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, automatización de procesos regulados ou aplicación de solucións de conectividade e incorporación do teletraballo ou relativas á ciberseguridade.

Poden aspirar a estes apoios as Pemes e autónomos do sector servizos e tamén as entidades do tecido asociativo e empresarial galego. Os gastos realizados deberán ascender a un mínimo de 1.500 euros, chegando a un máximo de 12.000 euros, e cubrindo a liña ata o 80 % do custo dos proxectos, coa posibilidade de obter un anticipo pola metade da axuda.

16 jul 2021 / 13:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.