Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta destina este ano máis de 6 millóns de euros a unha quincena de obras en centros educativos da comarca // No CEIP Cabada Vázquez da Estrada fixéronse cambios en parte das luminarias e na carpintería exterior TEXTO Claudina Estévez

Forte apoio para a mellora dos colexios do Deza e de Tabeirós

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou este mércores que a Xunta de Galicia destina este ano máis de 6.000.000 de euros a unha quincena de obras en centros educativos das comarcas de Deza e Tabeirós. Fíxoo no marco dunha visita aos traballos que o Goberno galego acaba de acometer para mellorar a carpintería exterior e parte das luminarias do colexio CEIP Cabada Vázquez da Estrada.

No caso concreto do colexio Cabada Vázquez, a actuación, que xa finalizou, tivo por obxectivo renovar a carpintería exterior do centro, buscando unha mellora da eficiencia enerxética, seguridade e confort dos actuais cerramentos. Tamén se realizaron cambios na iluminación da planta primeira, substituíndo as luminarias actuais por paneis LED, incluíndo o cambio do falso teito da mesma planta. O orzamento da intervención acada case os 150.000 €.

No municipio da Estrada, ademais desta actuación, actualmente a Administración autonómica tamén traballa en distintas fases no colexio CEIP de Figueroa, no que, segundo indican dende o Goberno galego, se está levando a cabo unha reforma integral cun orzamento de 838.948,20 euros. No instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez a Xunta vai investir un total de 2.000.000 de euros para ampliar os talleres de FP. A licitación será inminente, segundo indicou o conselleiro, e neste caso o proxecto foi redactado en común co Concello da Estrada. Trátase dunha ampliación que vai permitir que o alumnado de Formación Profesional dispoña dos espazos necesarios para completar a súa formación no propio instituto.

En execución están tamén os traballos no IES Manuel García Barros (81.092 €) e no IES Nº 1 (56.780 €).

No resto da comarca estase actuando nos institutos IES Cotobade de Cerdedo-Cotobade. Neste caso as obras están licitadas e contan cun orzamento de 57.062,88 euros. No IES Chano Piñeiro de Forcarei estanse cambiando as luminarias por un total de 56.780,65 euros, e no IES Ramón María Aller de Lalín, por un orzamento de 112.578,99 euros.

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda conta cun investimento de 96.201,26 euros para o desenvolvemento actual das obras. O colexio CEIP Xesús Golmar, o IES Ramón María Aller Ulloa, o auditorio e a Galiña Azul de Lalín teñen unha subvención de 1.300.000 euros para a substitución dos combustibles fósiles por biomasa forestal. É unha actuación que se materializará en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e que xa se probou con éxito na área de A Xunqueira, onde conflúen instalacións educativas e edificios públicos, lográndose un aforro en combustible dun 80 por cento. No IES Ramón María Aller Ulloa tamén se están substituíndo luminarias (112.578,99 €).

Asemade, acometéronse obras no CEIP Xoaquín Loriga de Lalín e nos CEIP Nosa Señora das Dores (490.987,88 €) e Soutelo de Montes (300.822,50 €) de Forcarei, para adecentar a fachada. Está previsto licitar novas intervencións nos vindeiros meses no colexio CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón (200.000 euros) para actuar sobre as carpinterías, e no CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda (380.000 €).

comarcas@elcorreogallego.es

O PROTAGONISTA
“Priorizar a eficiencia enerxética”
Román Rodríguez
Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades

Durante a visita ao centro, o responsable autonómico de Educación salientou que o obxectivo destas intervencións é continuar “a renovación dos edificios do sistema educativo galego ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para seguir adaptándoos ás necesidades do século XXI”.

Neste senso, Román Rodríguez explicou que unha das prioridades do plan é mellorar a eficiencia enerxética dos colexios e institutos. “De feito, do total de 191 millóns deste plan, o 40 % está destinado a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética”, afirmou antes de precisar que se trata dunha achega de 77,5 millóns. Así mesmo, lembrou que a Xunta leva investidos máis de 112 millóns dende 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45 %.

{ A OLLADA }
Aposta pola sostibilidade
Claudina Estévez

investir nos centros educativos é básico, pois é unha prioridade buscar que o alumnado estude nas mellores condicións. Tamén é fundamental que o Goberno galego se preocupe polo aforro enerxético, algo que ao parecer agora se está tomando moi en serio. Facer fronte a gastos de enerxía innecesarios é fundamental para evitar que se esgoten os recursos e para frear a contaminación ambiental. Cambiar as luminarias actuais, como se fixo no IES da Estrada, é fundamental para substituílas por LED e aforrar enerxía. Tamén a renovación da carpintería exterior buscou unha mellora da eficiencia enerxética, seguridade e confort dos actuais cerramentos. En definitiva, cada cambio quere facer uns centros educativos máis sostibles.

25 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.