Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Deputación de Pontevedra repartiu ata 100.000 euros para financiar actividades neste eido // A Asociación Rapa das Bestas daEstrada e as lalinenses Amigos do Museo do Patrón e a Etnográfica de Codeseda beneficiáronse TEXTO Claudina Estévez

Forte impulso ao turismo na comarca do Deza e Tabeirós

O Goberno da Deputación de Pontevedra destinou un investimento de ata 100.000 euros a 29 entidades da provincia para a financiación de actividades de carácter turístico. Dentro da área compostelá as axudas chegaron ás comarca do Deza e Tabeirós-Terra de Montes con 10.350 euros repartidos entre a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo da Estrada, con 2.290 euros, e as asociacións lalinenses Amigos do Museo do Patrón e a Etnográfica de Codeseda, que suman 8.060 euros.

A primeira é a encargada do coidado permanente das bestas de Sabucedo, en especial das pertencentes á cabana do Santo, e de organizar a festa de interese turístico internacional Rapa das Bestas. A Asociación centra os seus recursos en manter limpa a cabana dos animais que viven en liberdade nos montes e en que a aldea de Sabucedo sexa historia viva dunha relación de interdependencia e respecto entre persoas, contorna natural e “Bestas”. Céntranse tamén na conservación e coidado en particular das mandas de Bestas “Do Santo” e como se dixo, organizan o popular festexo.

Con respecto á asociación Amigos do Museo do Patrón, hai que dicir que foron os encargados do proxecto de rehabilitación integral da aldea de Codeseda para convertela nun museo etnográfico a tamaño real. Conta con máis de 2.000 metros cadrados de exposición distribuídos en tres edificios e móstranse máis de 4.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. O museo dispón de trece salas de exposición organizadas por temáticas, onde se poden observar as antigas escolas, pasando polos hábitos de vida dos ancestros, oficios olvidados, unha taberna, un forno ou unha forxa tradicional. No tocante á Etnográfica de Codeseda tamén enfoca esforzos neste museo, pero o seu ámbito de actuación abarca todo o territorio galego.

Fóra disto a Deputación de Pontevedra deu luz verde a recursos para a área de Vigo cun total de 50.350 euros para 13 entidades. Tamén se aprobaron 8.950 euros para tres asociacións do Baixo Miño e fondos para a comarca do Morrazo con 4.120 euros para a Asociación Cultural Cinematográfica de Galicia FICBUEU. Tamén para a comarca de Pontevedra, con 11.100 euros para 4 asociacións. Ademais, liberáronse 11.290 euros para a comarca do Salnés que se repartirán entre Sanxenxo, O Grove e Vilagarcía de Arousa.

TURISMO. Por certo que a Deputación promove tamén en Silleda e A Estrada o proxecto Tourist Inside. Trátase dunha iniciativa que posibilitará a promoción de experiencias interactivas nos distintos concellos que contan con puntos de información turística da Rede de Oficinas Info Rías Baixas. A oficina da Estrada contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia así como cun tótem no que tamén se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito instalarase unha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción. Ademais en 29 puntos do concello disporanse beacons. No caso de Silleda instalaranse 16 beacons por todo o concello e colocarase un tótem con información do destino no centro da vila.

A PROTAGONISTA
“Poñen en valor os recursos da provincia”
Carmela Silva
Presidenta da Deputación de Pontevedra

Carmela Silva subliñou que as achegas foron outorgadas a “entidades que poñen en valor os recursos da provincia” e servirán para financiar actividades de diversa índole como “proxectos de difusión do patrimonio, cursos de biodiversidade e emprego no sector turístico así como de promoción en todo o ámbito do turismo ou de promoción de festas gastronómicas”, indicou. No caso de Deza-Tabeirós as axudas chegaron ata tres asociacións.

{ A OLLADA }
Enriquecer a nosa historia
Claudina Estévez

Dende logo que é moi necesario que se outorguen axudas a asociacións que non só conseguen atraer turismo neste caso á provincia pontevedresa, senón que logran facer dos respectivos lugares nos que interveñen sitios máis ricos culturalmente falando. A Rapa das Bestas de Sabucedo é un festexo que hoxe é de interese turístico internacional, polo que toda axuda é pouca para mantelo vivo e mimalo como é debido. No caso de Lalín o Museo converteuse en toda unha demostración da historia, a cultura, a espiritualidade e a beleza do mundo rural galego. Ofrecer apoios a entidades como estas para que sigan facendo o seu labor é fundamental para abrir Galicia ao mundo e de paso para seguir enriquecendo a nosa historia.

23 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.