Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 05 diciembre 2021
03:12
h
Os Concellos de Boqueixón e Vedra veñen de asinar un convenio cun gabinete de patrimonio cultural para protexer o seu legado cultural // Buscarase recuperar o Bosque Sagrado do Monte Ilicino nunha primeira actuación TEXTO Alba Prada

Forzas unidas para conservar un enclave único: o Pico Sacro

Recuperar e dinamizar o patrimonio material e inmaterial do Pico Sacro. Esé o obxectivo co que os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e Vedra, Carlos Martínez Carrillo, asinaron un convenio de colaboración con Antiga, gabinete de patrimonio cultural. Unha sinatura que tivo lugar no centro de interpretación do Pico Sacro e á que asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como o deputado autonómico, Ovidio Rodeiro.

Ana Isabel Filgueiras, arqueóloga e antropóloga da empresa, insistiu en que “é necesario que se fagan intervencións xa, máis aló dos discursos históricos agora toca ir aos lugares e actuar sobre eles. Todos sabemos que o Monte Sacro Condado de Lupa, que era como se chamaba en época medieval, non é só un sitio arqueolóxico, é un lugar mítico e histórico, con ruínas venerables que non somos quen de ver”. Así, citou ao rei Fernando II no século XII que, cando asinaba os foros dicía que había que “defender, amar e honrar sempre os santos lugares. E ese é o espírito deste plan: defender, amar e honrar estes lugares que nos deixaron os nosos antepasados para telos nas mellores condicións posibles”, indicou.

Este plan integral, redactado por Ana Isabel Filgueiras e María del Mar Bóveda López, ten como finalidade a preservación do patrimonio cultural e inmaterial dos lugares que sustentan o mito fundacional de Compostela mediante a protección, recuperación e dinamización do legado cultural do ámbito do Pico Sacro. A primeira actuación a desenvolver será o Proxecto de recuperación do Bosque Sagrado do Monte Ilicino, dada a urxente necesidade de intervención para evitar a súa desaparición.

Esta iniciativa “busca conectar Santiago coa recuperación do Bosque Sagrado e dar a coñecer un santuario forestal de sobreiras, esa árbore especial que está considerada en todas as culturas e que aquí se manifesta dunha forma moi particular”, apuntou Ana Isabel Filgueiras, quen se amosou “sorprendidísima pola actitude dos veciños e veciñas de Vedra en conservar as sobreiras”. Por iso, no proxecto vanse xeolocalizar as sobreiras e todas as árbores históricas da zona, que son aquelas que levan tanto tempo que teñen nome de seu.

Os Concellos de Boqueixón e Vedra financiarán ao 50% o custe total dos traballos necesarios a desenvolver baixo este convenio, que entrou en vigor o pasado xoves 28 e estará vixentes ata o 31 de decembro de 2024, coa posibilidade de renovación do mesmo por períodos bianuais a partir do cuarto ano.

Este convenio non fai máis que protexer un enclave tan carecterístico como é o Monte Sagrado, sobre o que o pasado mes de xuño se actuou grazas á Federación Galega de Espeleoloxía e ao Concello. En concreto desenvolvéronse unhas xornadas de limpeza das covas, a través das cales se extraeron as pedras acumuladas dentro. Por certo, que está previsto organizar visitas guiadas ao interior das covas con ánimo de pór en valor o patrimonio cultural, natural e histórico.

Agora mesmo o Concello, no marco de Descubre Boqueixón, tamén está a facer visitas guiadas de balde a distintos puntos de interese do municipio, entre eles, ao Pico Sacro. Asemade, de man de Geotur Galicia, están en marcha visitas xeolóxicas os domingos deste mes. Teñen un prezo de dez euros por persoa e son gratuitas para os nenos e nenas menores de 12 anos.

Os protagonistas
“Conservar e protexer o patrimonio”
Manuel Fernández e Carlos Martínez Alcaldes de Boqueixón e Vedra

Fernández Munín explicou que o obxectivo final deste convenio “é poder declarar o Pico Sacro como BIC, Ben de Interese Cultural de Galicia. Para iso imos acometer unhas actuacións para recuperar e dinamizar toda o noso acerbo cultural e a nosa tradición, mitos, lendas... Trataremos de recuperar o Bosque Sagrado, que era un bosque de sobreiras, que eran típicos do Pico Sacro e da súa serra, pero hoxe todo está invadido polo eucalipto e especies non autóctonas”, dixo. “Todo o que se vai facer vainos levar a un Plan Director para que o Pico Sacro sexa declarado como Ben de Interese Cultural de Galicia”, apuntou o rexedor boqueixanés.

Pola súa banda, Carlos Martínez destacou que o este enclave “merece xa non só discursos e libros senón tamén traballo sobre campo para deixar ás xeracións futuras o coñecemento e o coidado deste patrimonio material e inmaterial que supón todo o que rodea ao Monte Sacro”, sinalou.

02 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.