Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 06 febrero 2023
18:07
h
Adquiriron unha rozadoira lateral grazas á subvención que a Xunta lles concedeu ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental // Anunciouse unha nova liña de axudas do Goberno galego para actuacións de eficiencia enerxética TEXTO C. Estévez

Frades e Ordes, listos para a protección do espazo natural

Os Concellos de Frades e Ordes veñen de adquirir unha rozadoira destinada a tarefas ambientais ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron este xoves o municipio de Frades con ánimo de supervisar a nova adquisición.

Foron recibidos polos alcaldes de Frades, Roberto Rey Martínez, e Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, acompañados dos seus respectivos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa e José Manuel Rodríguez Méndez, respectivamente. Frades e Ordes recibiron unha axuda de 35.700 euros da Xunta de Galicia para o servizo de protección do medio ambiente e do espazo natural que comparten ambos os dous municipios. Unha achega que permitirá cofinanciar os gastos de funcionamento anuais deste servizo e a adquisición dunha rozadoira lateral, presentada este xoves. Non é a primeira achega que recibe este servizo posto en marcha por ambos os dous municipios, xa que o ano pasado a Xunta reforzara o seu equipamento cun vehículo todo terreo híbrido con distintivo ECO.

A nova rozadoira lateral, subministrada por Fariña Maquinaria SL, ten sesenta cabalos de potencia e conta cunha transmisión indirecta para que sexa máis segura á hora de traballar. Posúe unha garantía de 4 anos e para maior comodidade e seguridade do condutor á hora de rozar, leva o brazo adiantado uns centímetros para ter mellor visibilidade. Ambos os dous alcaldes agradeceron a colaboración do Goberno galego e puxeron en valor o traballo de roza e mellora das pistas municipais que se acometen ao longo de todo o ano, debido á gran cantidade de quilómetros de pistas de responsabilidade local que, no caso de Frades, supera os seiscentos. Finalmente, o vicepresidente segundo aproveitou tamén para asinar no Libro de Honra do Concello de Frades.

Esta colaboración realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, co que a Xunta apoia o funcionamento de servizos municipais relacionados coa protección do medio e do que manterá en 2023 o orzamento de 11,3 millóns de euros. Nos últimos anos, o investimento neste Fondo superou os 116 millóns de euros en actuacións nas entidades locais coas que contribuír á restauración ambiental e a acadar concellos máis sustentables.

A través desta liña subvenciónanse accións como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais ou a utilización de enerxías renovables. Ademais, apóianse aos concellos na conservación da biodiversidade e na protección do espazo natural, con campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética, ademais de na dotación de medios.

Diego Calvo aproveitou tamén a súa visita á vila fradense para anunciar que a Xunta reforzará no vindeiro ano 2023 o compromiso coa sustentabilidade das entidades locais cunha nova liña de axudas dotada con 2,6 millóns de euros para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciadas con fondos FEDER. Así, mellorarase a eficiencia e o aforro enerxético reducindo o impacto ambiental.

O PROTAGONISTA
“Servizos comúns para aforrar custos”
Diego Calvo
Vicepresidente segundo da Xunta

No marco da súa visita a Frades puxo en valor o exemplo de Ordes e Frades “na cooperación entre municipios en servizos comúns que permiten evitar duplicidades e aforrar custos”. Ademais, varios proxectos da Mancomunidade da comarca de Ordes, á que pertencen os dous concellos, foron recoñecidos en distintas edicións dos Premios Coopera. “Tanto en iniciativas conxuntas con outras entidades locais como de forma individual, a Xunta leva investidos máis de 1,1 millóns de euros no municipio de Ordes e outros 810.798 euros no de Frades destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza con actuacións nas infraestruturas e servizos municipais”. Remarcou durante a visita o compromiso do Goberno galego coa sustentabilidade cunha nova liña de axudas.

{ A OLLADA }
Compromiso co medio
Claudina Estévez

Protexer o espazo natural, empregando a maquinaria correcta á hora de facer os traballos de limpeza, é fundamental para o benestar do medio ambiente e para o noso. É por iso que se fan vitais axudas deste tipo que conseguen que concellos como Frades, que contan con moitos quilómetros de pistas, poidan facer os traballos de roza con comodidade e total seguridade. Asemade durante a visita a Frades o vicepresidente segundo aproveitou para anuncia o firme compromiso da Xunta coa sustentabilidade mediante o aforro enerxético, algo que actualmente é de vital importancia para reducir o impacto ambiental. É unha boa nova que cada vez máis se note que as administracións se preocupan por este aspecto.

04 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.