Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Frades pon a punto neste verán o CPI Ponte Carreira

Estase a cambiar o portalón da entrada principal // Xa está case finalizada a reforma integral nos aseos do alumnado de Infantil

O Concello de Frades está a realizar traballos de mantemento e mellora nas instalacións do CPI Ponte Carreira. Uns labores que contan cun orzamento de 10.000 euros e que proceden de fondos propios. As obras rematarán nos próximos días, coincidindo co inicio dos labores de substitución da cuberta e das carpinterías do edificio de Infantil e Primaria, nos que a Xunta de Galicia vai investir outros 380.000 euros.

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “estamos a realizar dúas obras que nos pediron tanto as familias como a dirección do centro, como son a substitución do portalón da entrada principal ao colexio, que tiña algunhas zonas oxidadas e que será cambiado por un novo e máis grande, de apertura corrediza. Nestes momentos estamos rematando tamén a renovación integral dos aseos de Infantil e despois arranxaremos tamén unha cheminea de saída do sistema de calefacción”.

Uns traballos que teñen lugar mentres non dan comezo as obras da Xunta de Galicia, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. Ditos labores contemplan a substitución da cuberta existente de tella de formigón e fibrocemento por outra cuberta de panel sandwich con dobre chapa lacada e illamento intermedio. Ademais de renovarse os canalóns existentes, tamén se cambiarán as carpinterías exteriores e persianas e colocarase unha nova carpintería de aluminio, con dobre acristalamento.

Unha actuación que mellorará as condicións térmicas destas antigas instalacións, onde actualmente entraba bastante humidade. A previsión é que as tarefas estean listas antes do inicio do curso, para mellorar así o confort tanto do alumnado como do profesorado do CPI Ponte Carreira.

ROZA. Por certo, que o Concello vén tamén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. As tarefas, que se acometeron cos dous tractores, permitiron rozar os máis de 300 quilómetros de estradas asfaltadas que conforman o municipio.

“Levamos rozado máis de trescentos quilómetros de pistas”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria. “A partir dagora un dos tractores comezará a dar unha segunda pasada polas parroquias, mentres que o outro se encarga das pistas de monte, para así cumprir co convenio contra o lume”.

Uns labores de roza que se estenderán durante todo o verán, según fontes municipais, ata limpar os case seiscentos quilómetros de rede viaria municipal. A maiores, e grazas a un convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural, o goberno local fradense vén de incorporar este mes de xullo unha brigada composta por cinco persoas para a loita contra os lumes forestais, que ten previsto rozar dez hectáreas de masas comúns como medida preventiva.

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.