Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O historiador Manuel Pazos vai ser o encargado de coordinar este proxecto // A participación veciñal é moi importante para sacalo adiante // Estará dividido en varias seccións como arqueoloxía, tecnoloxía ou música tradicional TEXTO C. Estévez

Frades reunirá a cultura e as tradicións locais nun museo

Xa se deu a coñecer a nova no transcurso da I Festa do Rural de Frades: o municipio contará cun Museo da Cultura e Tradicións de Frades (MUFRA), que sería unha ampliación do actual Museo de Apeiros de Labranza, emprazado no primeiro andar do edificio multiúsos da vila. Grazas a un proxecto de mellora da accesibilidade a estas instalacións, (orzamentado en 59.950 euros e que está a licitar o Concello de Frades cunha achega da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia) vaise colocar un elevador eléctrico que dará acceso ao primeiro andar do inmoble, onde se empraza o actual Museo de Apeiros de Labranza de Frades, e no que en breves estará tamén o MUFRA. O historiador Manuel Pazos será o coordinador deste proxecto, e con el vai asinar moi pronto o Concello un convenio de colaboración.

A participación veciñal é fundamental neste caso, e é por iso que todos os interesados en colaborar no museo poden chamar ao 981 695 567 ou ao 680 824 910. As pezas ou fotografías aportadas serán recollidas e elaborarase, de ser preciso, un documento de doazón, cesión temporal ou depósito. Tamén se pode enviar un correo a museofrades@frades.gal ou acervoaccioncultural@gmail.com.

Segundo apuntan dende o Concello, coas pezas existentes e coas que aporte a veciñanza das parroquias da vila, “intentaremos sentar as bases dun museo activo que recolla e mostre a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados ao longo do tempo. Deste xeito coñeceremos a forma de vida e o traballo dos nosos predecesores, un xeito de vivir que, co evolución tecnolóxica, está caendo no esquecemento”.

Sinalan dende o goberno local que buscan conservar a memoria, as emocións, a nostalxia e os recordos dun modo de vida que xa non existe. E é por iso que para conservar as raíces recorren á xenoridade dos veciños e veciñas. O museo xa tomou algo de forma, e estrutura o espazo espositivo en seccións xerais. As máis importantes son: de arqueoloxía, composta de material relacionado co mundo das medorras, coa cultura castrexa ou coa romanización; a sección de etnografía, que é a máis ampla, e tratará de reproducir elementos propios dunha casa rural, o mundo da labranza así como dos oficios tradicionais: labrega, carpinteiro, tecelá, ferreiro, zoqueiro, costureira, telleiro...

Tamén estará o apartado dos tecidos (todo o relacionado co proceso do liño, la, tear...) e o de tecnoloxía (aparellos tecnolóxicos que deixaron de empregarse como cámaras fotográficas analóxicas, fotografías, casetes, tocadiscos, teléfonos fixos, máquinas de escribir, calculadoras, maquetas...).

Outra sección levará por título A escola de antes e albergará encerados, enciclopedias, catecismos, mapas, manuais escolares, xogos... Non faltará tampouco unha sección de música tradicional composta por instrumentos característicos da música popular como a gaita, o pandeiro ou o tambor. Na medida do posible, intentarase recoller elementos da cultura inmaterial como lendas, contos, ditos, refráns...

En resumo, trátase dun ambicioso proxecto que trata de recuperar, salvagardar, estudar e divulgar de forma pedagóxica a memoria do rural, pero tamén a historia, costumes, oficios tradicionais e documentos que mostren o devir da vila fradense reflectidos en rexistros fotográficos ou audiovisuais. Un proxecto para o que o goberno local confiou en Manuel Pazos.

O PROTAGONISTA
“Un concello con grandes recursos”
Manuel Pazos, coordinador do proxecto

“O Museo de Frades deberá considerarse como un espazo imprescindible da oferta cultural do concello e da comarca de Ordes, pois vai ser a única infraestrutura cultural deste tipo que exista na bisbarra”, explica Manuel. “Será capaz de pór en valor o patrimonio tradicional e reflectirá a cultura e a historia da veciñanza de Frades, que co paso dos anos foi construíndo o seu devir histórico. Frades ten unha identidade cultural e social propia e o museo intentará recuperar e manter ese acervo”, apuntou. “Formará parte do atractivo cultural e natural de Frades, un concello rural con grandes recursos para desenvolver un turismo alternativo, tranquilo e sosegado”.

25 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.