Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Frades vive un verán cheo de novidades e con festas para os máis novos da vila

O 23 celebrarase o campionato de pesca e o Día do Neno // En setembro está prevista unha excursión a Navarra e A Rioxa

Frades está a celebrar o verán por todo o alto. E é que dende logo, os nenos e nenas do municipio están encantados coa ampla e variada programación que o Concello organizou para os meses de calor, pero tamén os pais, que ven moito máis doado conciliar.

O pasado 27 de xuño arrancaban os campamentos municipais, que terán lugar ata o vindeiro 2 de setembro. As actividades estanse a desenvolver no CPI Ponte Carreira e nas instalacións municipais. Pero a parte disto, tanto nenos como adultos poden desfrutar da auga do mar grazas ao programa Xoves de Praia. Os que desexen participar aínda están a tempo de apuntarse para os días 21 e 28 deste mes.

Para o 23 están previstas dúas xornadas: o campionato municipal de pesca, na área recreativa da piscina, e tamén o Día do Neno. Esta actividade, que terá lugar na piscina, virá cargada de xogos, tren turístico, inchables, guerra de globos... Haberá ademais un espectáculo musical a cargo de Brais das Hortas.

Para o 25 o mago Joshua Kennet será o encargado de presentar ante a veciñanza un espectáculo de maxia e ilusionismo. A cita será no Campo da Festa de Galegos.

Tampouco faltan as noites de cine para os afeccionados ao mundo audiovisual. Scooby Doo, Los Croods, Nueva era e Cuñados son os filmes que se proxectarán este ano ao aire libre.

Tamén haberá rutas de sendeirismo para os máis deportistas e excursións para os máis viaxeiros. E é que este ano unha gran novidade será a excursión de catro días a Navarra e A Rioxa, que terá lugar do 22 ao 25 de setembro. Dende o Concello avisan de que hai un límite de 50 prazas nesta actividade.

Non faltarán tampouco as actuacións e de novo actividades para os máis novos como a Festa da Auga. Está prevista para o 20 de agosto e será na piscina municipal. Os pequenos gozarán de inchables acuáticos, tobogán de auga, festa da escuma e máis sorpresas.

Están asemade programadas para este verán o Día da bicicleta e o campionato de pádel. Están en marcha tamén os cursos de natación e de pilates. A maioría das actividades serán de participación libre e gratuíta, se ben sempre será preciso anotarse no Concello de Frades: 981 695567 ou 981 695663.

16 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.