Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Campaña. Adega e a PDCC presentaron o aval esixido polo TSXG para frear o proxecto que afecta aos concellos de Santa Comba e Coristanco // Precisan 6.508 € máis para deter o de Bustelo TEXTO M. Ramos

Paralizan cautelarmente o parque eólico Campelo grazas á solidariedade colectiva

Adega conqueriu a paralización cautelar do proxecto eólico Campelo, grazas á colaboración cidadá e as achegas recibidas a través da campaña de recadación solidaria Ti podes paralos!, lanzada o pasado 21 de outubro. Até agora suman 13.492 €.

“Ao ser superada xa a cifra dos 10.000 euros de recadación, xa estamos en disposición de confirmar que, entre todas, vimos de acadar un fito histórico: facer efectiva a paralización cautelar do parque eólico Campelo”, afirman. Trátase dun dos tres proxectos promovidos por Greenalia nos concellos de Santa Comba, Coristanco, Carballo e Tordoia, que foron recorridos polas organizacións ecoloxistas Adega e a Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) no mes de xaneiro na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Grazas á solidariedade colectiva, en tan só 5 días, conseguiron reunir o importe necesario para poder sufragar a caución esixida no Auto do 19 de setembro do TSXG.

“Trátase dun fito histórico na Galiza, non só por ter sido conquerido a través da vontade popular das galegas e galegos e en tempo récord, senón tamén por constituír a primeira paralización cautelar dun proxecto eólico antes de que teña iniciado as súas obras. Este feito confire unha vantaxe fronte a casos precedentes de paralización cautelar ou de anulación nos que os proxectos eólicos, ou ben xa estaban a medio construír (PE Serra do Iribio), ou ben en funcioamento (PE Sasdónigas, PE Corme repotenciación)”, sinalan dende Adega.

Así pois, o parque eólico de Campelo non poderá executarse, polo menos, mentres dure o procedemento xudicial aberto no TSXG polo recurso contencioso-administrativo, “o que evitará que se produzan potenciais danos irreparables de carácter ambiental, patrimonial ou social nas zonas de afección, e chegado o caso, posibles tentativas de aplicación da política dos feitos consumados”, engaden.

Consideran que este primeiro éxito da campaña “é unha mostra clara do amplo rexeitamento social que suscita o actual modelo eólico da Xunta, e unha evidente chamada de atención sobre a capacidade da sociedade galega para defender a súa terra da especulación do capitalismo e do espolio eólico”.

O parque eólico Campelo, xunto cos de Bustelo e Monte Toural, foron declarados como proxectos de interese especial no Consello da Xunta de maio de 2018. Dende Adega sinalan que “os tres parques sitúanse nunha mesma área xeográfica e partillan accesos, liñas de evacuación de estación transformadora, constituíndo un claro exemplo de fragmentación artificiosa”. Por este motivo, ademais de por ter reducido “irregularmente” os prazos de consulta pública e “afectar a valores ambientalmente únicos da zona”, Adega e a Plataforma en Defensa da Cordilleira Cantábrica recorreron a autorización dos tres proxectos.

Paralelamente, foi solicitada a suspensión cautelar dos proxectos, que no caso de Campelo, foi acollida polo TSXG no Auto do 19 de setembro, aínda que condicionada ao depósito dunha caución ou aval de 10.000 euros, requirimento que veñen de acadar.

O parque eólico Campelo, dos tres proxectos recorridos, é o que ten a poligonal de maior superficie e a que afecta en maior grao a lagoa de Alcaián, zona húmida proposta en 2008 e 2011 para ser incorporada na ampliación da Rede Natura 2000, segundo sinalan dende Adega. Tamén é un dos que ofrece maior impacto sobre o endemismo botánico da zona, Centaurea ultreiae, unha planta catalogada “en perigo crítico de extinción” cuxa única poboación mundial (uns 6.800 individuos) se atopa na zona de implantación destes proxectos.

Agora, o reto dos referidos colectivos ata o día 1 de novembro é o de acadar outros 6.508 euros, ata os 20.000€, para conseguir facer efectiva a paralización cautelar doutro dos proxectos eólicos de Greenalia, proxectados arredor da lagoa de Alcaián, o parque eólico Bustelo. Desde Adega e a PDCC agradecen a todas as persoas, entidades, colectivos e plataformas que están a contribuír coas súas achegas a esta causa. As persoas interesadas poden obter máis información en https://tipodesparalos.adega.gal.

GREENALIA. Pola súa banda, dende a empresa promotora dos parques, Greenalia, aseguran que están analizando en detalle o fallo xudicial para decidir os pasos a dar ante o establecemento das medidas cautelares, “dado que no es firme y cabe recurso”. Reiteran que “se han cumplido escrupulosamente todos los trámites establecidos en la normativa vigente”.

28 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.