Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Freixanes: “Non podemos centrar o galego na escola como un gueto”

O presidente da Real Academia exemplificou ca capital maiá o abandono da lingua na mocidade

O último estudo da Real Academia Galega referido ao mapa sociolingüístico amesán constatou unha realidade denunciada nos últimos anos desde diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores de idade e en particular sobre aqueles que se incorporan á escola falando en lingua galega e abandónana a medida que avanzan de etapa, relaciónanse cos seus compañeiros e interactúan coa contorna.

É por iso que o presidente da citada institución, Víctor Freixanes, urxe unha reflexión tanto dos poderes políticos como da sociedade no seu conxunto co fin de afrontar esta cadea de carencias dunha vez por todas, un obxectivo que require dunha maior ambición da administración e dos diferentes sectores implicados, ademais dunha dotación de recursos.

O Mapa sociolingüístico escolar de Ames, publicado esta mesma semana, confirmou que estes procesos de castelanización prodúcense xa desde as etapas de Infantil e Primaria e consolídanse en Secundaria e na adolescencia. O estudo fai un retrato dos efectos do proceso de concentración de poboación en contextos periurbanos.

Ao mesmo tempo, advertiu da influencia decisiva dos centros neste proceso por tratarse dos primeiros e principais contornas de socialización dos menores, que asimilan o idioma que utilizan os seus amigos nas actividades ou no recreo, no que falan os seus personaxes e referentes favoritos do audiovisual ou o que se atopan maioritariamente cando se penetran nas redes sociais ou utilizan dispositivos electrónicos.

REFLEXIÓN. Nunha entrevista con Europa Press, Freixanes considerou que estes resultados deben suscitar “unha reflexión moi profunda” e, sobre todo, unha maior “autocrítica” tanto dos responsables da política lingüística como do conxunto da sociedade, especialmente sobre o que significa “a lealdade a un patrimonio fundamental” como é o idioma do país.

O presidente da Academia recoñece que “non son datos positivos” pero que, máis aló de mensaxes catastrofistas, deben servir de base para traballar na semente “da dignificación” do uso do galego, co fin de que os mozos decidan asumir como propio este patrimonio mentras avanzan cara á súa propia “autodeterminación na adolescencia”.

“Non podemos centrar o galego na escola como un gueto”, considerou, senón “ir máis aló” daquilo que implica ao uso do idioma na aula e centrarse neses espazos de socialización nos que “os mozos atopan a vida”, unha tarefa e un reto que “significa políticas e recursos”.

Freixanes apunta, sobre todo, a plataformas de contidos dixitais como Netflix, a dispoñibilidade de documentais e películas subtituladas en galego, a oferta para os máis pequenos ou as redes sociais, sobre todo polo debate pola incorporación do idioma na linguaxe das máquinas, pero tamén nos sistemas de intelixencia artificial.

Tamén é necesario atender ámbitos como as actividades extraescolares, onde as sociedades deportivas ou as asociacións “son fundamentais”; campañas en defensa do audiovisual e accións destinadas aos creadores e todos aqueles actores implicados nas contornas de interacción dos menores e adolescentes, apoiando a dispoñibilidade de oferta musical, literaria, cinematográfica ou tecnolóxica para que os mozos e mozas poidan interactuar con ela “na casa e nas escolas”.

MÁIS RECURSOS. Todo iso require “de recursos e dunha política educativa moito máis ambiciosa” tanto desde a Xunta, que ten a “primeira responsabilidade”, como das deputacións, os concellos, empresarios, sindicatos ou asociacións veciñais. “Todo o que ten que ver coa vida”, resolveu, dado que todos estes factores que afectan á evolución de uso do galego débense abordar desde unha perspectiva integral e non “burocratizando e xogando á defensiva”, explicaba.

Freixanes insistiu en que a Academia non busca “ideoloxizar” con este tipo de traballos, senón “pór enriba da mesa” estudos de campo e documentados para promover esa reflexión da sociedade e das institucións. “Hai que ser capaces de movelo con ambición, alegría e implicando á xente, non contra ninguén. Incorporando á xente a unha causa que é de todos”, insistiu, pero sen deixar aos mozos “desasistidos” e sen medios para poder experimentar a vida en lingua galega.

unha presión sutil

··· Para o académico Henrique Monteagudo, o traballo de investigación amesán que coordinou representa “un antes e un despois” no coñecemento dos procesos de desprazamento da lingua galega entre os novos, un “retrato moi detallado, moi documentado e moi amplo” que permite ver “o que pasa na traxectoria” entre Infantil e Secundaria. O sociolingüista apelou ao concepto lingua de pares. Este traballo permitiu verificar que os galegofalantes sofren “unha presión moito máis sutil”, e gran parte termina abandonando o idioma e adoptando o castelán por imitación ou temor á marxinación.

··· Como exemplo cita o uso preferente do galego no ámbito de actividades extraescolares, que “non se cumpre”, ás veces por falta de formación dos monitores.

13 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.