Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Frutífera xuntanza entre Oujo, Ruiz e Monbus que mellorará o transporte

Proporán á Xunta de Galicia frecuencias diarias a Santiago cuxo tempo de viaxe non exceda dos 70 minutos dende Ribeira

Os alcaldes de Porto do Son e Ribeira, Luis Oujo e Manuel Ruiz, mantiveron este mércores no consistorio da capital barbanzá unha reunión co presidente de Monbus, Raúl López, así como con outros representantes da compañía de autobuses, no ánimo de identificar e atopar solucións aos diversos problemas e reclamacións producidas dende a posta en marcha desta concesión.

Segundo informaron dende o Concello ribeirense, foi esta unha reunión moi frutífera, de dúas horas de duración, que ten un carácter preliminar á que a semana que vén manterán os alí presentes coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta.

Así, entre as cuestións estudadas figura o servizo de transporte a Santiago de Compostela que habitualmente utilizan estudantes universitarios e usuarios do Hospital Policlínico.

A este respecto, a intención é propoñer á Consellería un número de frecuencias diarias cuxo tempo de viaxe non exceda dos setenta minutos contados dende Santa Uxía.

Ademais, co afán de resolver as carencias nas parroquias sonenses, proporase a creación de novas frecuencias Son-Noia e Son-Ribeira con independencia das xa existentes.

Tocante ao municipio de Ribeira, preténdese reforzar o servizo naquelas horas punta en que coincide o transporte de estudantes dos institutos co transporte de pasaxeiros, ademais de mellorar outras frecuencias e a puntualidade dos horarios.

Por último, tamén se incidiu en que se buscará a fórmula máis axeitada para proporcionar transbordos rápidos a aqueles estudantes universitarios que precisan desprazarse a Coruña e Vigo.

Tralo encontro, o rexedor de Porto do Son asegurou que estaban “satisfeitos coa reunión” na que participaron as partes implicadas “porque todos estamos interesados en que isto se solucione”.

Recordar que nos últimos meses veciños de ambos Concellos rexistraron queixas acusando a Monbus de non cumprir cos horarios e entorpecer o acceso aos mesmos.

14 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.