Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gaban a aposta dun BNG líder xa na esquerda polas políticas sociais

Os edís Santomil, González e Pampín destacan a consolidación dos concilias e o programa cultural en pandemia // Suliñan a aprobación dos cinco orzamentos

A esquerda amesá vai tomando as cores de Galicia, e o BNG xa figura como primeiro partido progresista na capital maiá cando se extrapolan os resultados das pasadas eleccións autonómicas, nas que superaron os catro mil votos (29 % do total) fronte a, por exemplo, os 2.117 do PSOE ou os 725 de Podemos. Así o puxo de manifesto o seu voceiro, David Santomil, nun balance deste mandato onde destacou a aposta da formación nacionalista polas políticas sociais, apoio a colectivos desfavorecidos e mellora das infraestruturas.

Abría a rolda, precisamente, David Santomil , edil de Educación, que destacaba o “punto de inflexión” que supuxo a pandemia, e como puideron superar moitas das súas limitacións “pola capacidade de traballo e cohesión” do goberno tripartito que manteñen con socialistas e UP.

Froito disto, por exemplo, situaron a ratificación do quinto orzamento municipal anual consecutivo que xa se aproxima aos 30 millóns de euros no ano 2021, para un municipio que xa supera os 32.000 habitantes. E esta estabilidade orzamentaria e política permitiu, ao seu xuízo, manter os programas e tamén a colaboración coa Deputación coruñesa e a Xunta para acadar o novo centro de saúde ou o comedor.

Pola súa banda, a edil de Mocidade e Normalización Ligüística, Escarlata Pampín, referiuse a que os amesáns máis novos estaban “tan castigados como esquecidos”, e subliñou a importancia de levar a lingua “a todos os recunchos”. Citou, entre outras actividades e dotacións ofertadas, o Trouleando, SolporSon ou a continuidade dos programas a pesar da COVID. E Natividade González, edil de Cultura, elevou as súas competencias a “valor fundamental do BNG para o desenvolvemento de país”, resaltando tamén as programas xa consolidados, como os Encontros Culturais ou Abril de Cine.

Buques insignia e obras de interese como a cociña central ou un colexio para Milladoiro

Ademais de destacar algúns dos buques insignia dos nacionalistas en Ames, os concilia e administración electrónica, dende o BNG lembran que reforzaron o seu traballo en pandemia coa reprogramación de actividades, o dinamismo das bibliotecas municipais cos Encontros Literarios ou os Dixicontos, a adaptación da Radio Municipal e a Escola de Música á nova situación e creando o Consello Sectorial da Cultura como órgano de participación.

Tampouco se esqueceron do pulo á Oficina de Información Xuvenil (OMIX), parques de calistenia ou programas específicos de fomento do galego, como Youtubeir@s, Galetiktokers, Apego ou arte urbana.

Por todo isto calificaron de “positivo” o seu balance “despois de dous anos moi complexos”, pero que lles permiten traballar con optimismo e establecer novos retos que teñen por diante. Entre eles destacan os investimentos previstos no Plan EDUSI Impulsa Ames, a construción dun novo CEIP no Milladoiro e a cociña central en Bertamiráns, o necesario proxecto de reurbanización da avenida Rosalía de Castro na N-550, a mellora de equipamentos culturais e deportivos, a dotación de infraestruturas no rural, a “necesaria” recuperación ambiental do río Sar e a creación dunha empresa municipal de xestión do ciclo integral da auga, entre outros temas.

E nestes dous anos que restan, dende o BNG agardan seguir a reforzar a organización interna coa incorporación de novos afiliados e simpatizantes de todas as idades que cada día están a sumarse ao proxecto anovador do Bloque.

Rematan gabando o relevo “exemplar” na alcaldía e a asunción do teletraballo para seguir a funcionar no día a día, tanto na xestión administrativa como na actividade política, con xuntanzas en liña do goberno, comisións e plenos ou o mantemento do contacto non presencial co tecido asociativo e con outras administracións. Neste senso, trasladaron o seu recoñecemento aos traballadores municipais.

05 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.