Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
|| cousas do demo ||

Gandeiros de Santa Comba sofren as malas artes dunha industria que non sabe perder

A escalada de prezos é xeral. Nuns casos a suba dos carburantes ou a subministración eléctrica son unha boa desculpa e noutros a guerra de Ucraína. O caso é que quen está a sufrir é o cidadán de a pé, sobre todo os das rentas máis cativas, e tamén os productores con especial incidencia no sector agrogandeiro. Producir hoxe un litro de leite en Galicia costa case un 30% máis que a finais do ano pasado, pero o incremento dos ingresos do sector lácteo en España no mesmo período de tempo foi dun 1,8%.

Galicia lidera a produción de leite a nivel estatal, cun 55% das explotacións e aínda que a modernización realizada nas últimas décadas o sitúan como referente europeo en calidade, innovación, garantías de salubridade alimentaria e vocación de permanencia o certo é que moitas granxas corren un perigo serio de subsistencia e outras xa pecharon ou están a piques de facelo.

Porque nos supermercados págase o leite un 25% máis caro que a principios de ano, pero ás explotacións gandeiras non se lle aplicou a suba na mesma proporción. As industrias lácteas, unha vez máis, aproveitan a ocasión para aumentar as súas ganancias sen respectar a quen lle proporciona o leite con moito suor da súa frente.

A indignación medra cando os abusos van máis alá e rozan o delictivo. É o caso dun grupo de propietarios de explotacións lácteas de Santa Comba e Mazaricos que tiñan firmado cunha gran empresa un contrato que agora xa expiraba.

Neste mundo no que a lei da oferta e a demanda está a orde do día, os gandeiros xalleiros recibiron unha proposta que melloraba por moito á que mantiñan nese momento, polo que decidiron cambiar de industria en canto expirara o contrato.

A empresa coa que estaban comprometidos reaccionou con todo tipo de presións. Como o neno pequeno que non sabe perder e patalea. Claro que esta vez xogando cos cartos de quen non merece vinganza algunha e máis cando foi o teu aliado. O colmo é que xogaron co pan que lle dá de comer ás familias que traballan en oito granxas con mil cabezas de gando e que producen uns 35.000 litros de leite ó día.

Sen previo aviso, sen xustificación e de xeito unilateral rebaixaron de cinco a sete céntimos por litro o prezo que pagaban aos que aínda eran os seus provedores deixando caer de xeito bastante directo que estaban a tempo de recapacitar.

Esa situación non fixo máis que prender os ánimos dos que se sentiron atacados e incluso traizoados por aqueles ós que serviron con fidelidade durante anos.

Os gandeiros de Santa Comba e Mazaricos, despois do sucedido, non o poden ter máis claro, quen xoga con malas artes, facendo trampas e sabendo que paga moi por baixo do prezo de produción non merece a súa confianza.

Foi a maneira de darse conta de que tomaran a decisión acertada. Porque é máis, incluso desde esa empresa tan solvente atrevéronse a decirlle ós productores que se firmaban un novo contrato renovando o anterior executarían de inmediato unha subida no prezo.

Non sei exactamente que palabra ou frase utilizar para describir esta situación pero hai un abano delas que ben poderían definir o sucedido: desde un auténtico noxo polo abuso do grande contra o pequeno ata unha chantaxe en toda regra.

Non é de recibo que se xogue así cun sector que sofre como o que máis nesta crise. O encarecemento da luz, dos pensos, do carburante.... E case ningunha empresa ou intermediarios os ten en conta e manteñen uns prezos que dan a risa co único obxectivo de encher os seus bolsillos e todo a costa do duro traballo doutros.

Se se compara o prezo dos tomates, ou as xudías, ou o propio leite en orixe co que se amosa no supermercado vese ben ás claras que o que máis gaña non é o que dobra o lombo cada día faga un sol de corenta graos ou chova, nin o que asume o risco de que a calor, as xeadas ou unha peste lle proporcionen unha mala colleita ou que incluso a perda enteira. Porque nese caso as perdas son todas para el, non para os voitres que pululan ó seu arredor.

O campo é cousa de todos e para mantelo son necesarias esas granxas de produción contínua e diaria porque grazas a elas fíxase poboación no rural e nesa chamada Galicia baleirada. Pero vai ser ben complicado polas debilidades que padece o sector como a escasa rendabilidade das explotacións gandeiras con prezos moi baixos e producións a perdas.

Xa vai sendo hora de aprezar o traballo da xente do campo, pero non de boquilla. O seu esforzo merece ser recompensado cunha remuneración correcta e non pisoteando o seu orgullo unha e outra vez mentras que políticos e incluso consumidores miramos para outro lado.

E nas festas... que hai do noso?

As comisións de festas de máis de media Galicia peléxanse para poder contar nas súas verbenas coa París de Noia, a Panorama, o Combo Dominicano, a Olympus... E se pode ser con todas no mesmo cartel aínda mellor. Ninguén discute de que se trata dunhas grandísimas orquestras. E outra moda son as charangas, que animan as mañás e os momentos previos ás actuacións das grandes atraccións musicais.

Pero a pregunta de fondo é se paga a pena que unha parroquia de apenas 400 o 500 habitantes realice un enorme esforzo durante todo o ano e rasque o bolsillo de todos os seus veciños para despois recibir riadas de visitantes que se achegan ó lugar para desfrutar do espectáculo. De verdade paga a pena traballar tanto para organizar unhas festas para os de fóra?

E aínda hai outro inconvinte, ó destinar unha cantidade económica tan importante ás orquestas regatéanse gastos noutros apartados que, sen querer, afectan á nosa cultura popular.

Cada vez hai menos gaiteiros nas festas e atopar unha banda de música é case unha casualidade. E a pirotecnia estase a reducir á mínima expresión unha vez superadas aquelas leas entre parroquias para ver cal delas gastaba máis pólvora Ninguén se dá conta do que estamos a perder?

Recentemente a parroquia de Vedra presentou un libro que recolle todas as súas festas. Sen publicidade e que ven a substituír a aquel que cargado de anuncios estaba feito simplemente para recadar cartos no campo da festa. A súa principal festa, adicada á Virxe das Dores, conta con detalles que a fan única como o monifate que elabora cada ano o pirotécnico local Juan Gaiteiro.

A festa das Dores cumpre este primeiro fin de semana de setembro 165 anos e só deixou de celebrarse en tres ocasións -a raíz da Guerra Civil e da pandemia do coronavirus-, converténdose xa nun dos festexos máis sobranceiros da comarca.

O domingo sempre actúan dúas bandas de música. Sempre. En tempos os membros da banda repartíanse polas casas da parroquia á hora do xantar porque, ó igual que na actualidade, non só actuaban acompañando ó funcionista ou na procesión ou na saída da misa, senón que se encargaban de amenizar a verbena nocturna. E a tradición promete perdurar. Debería ser un exemplo.

As bandas non só serven para conservar pezas do noso acervo cultural, son tamén fundamentais para introducir ós máis novos no mundo da música ensinándolle a tocar algún instrumento. Os rapaces, ó mesmo tempo, socializan, e despois recorren a nosa xeografía ou máis alá para actuar nas festas. E o mesmo conto se lle pode aplicar ós grupos de gaiteiros e incluso de danza tradicional.

Non sei se é tempo de replantexarse as festas e repensalas, pero o que sí sería moi recomendable é empezar a facer os orzamentos destinando os primeiros gastos para contratar unha banda de música e un grupo de gaiteiros. E o que sobre, para as orquestras. Sería un xeito de coidar o noso.

29 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.