Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gandeiros de Xallas e Ordes analizarán a situación do lácteo

UUAA informará das medidas que se negocian para facer fronte a suba dos coste de produción

O sindicato Unións Agrarias (UUAA) reunirase nos vindeiros días cos gandeiros das principais zonas produtoras de leite de Galicia que forman parte da súa organización para falar da situación que atravesa o sector lácteo. Os primeiros encontros serán este venres ás 12.00 horas no multiusos de Santa Comba, e pola tarde, ás 16.30, na casa da cultura de Ordes.

A forte suba dos custos de produción rexistrada nos primeiros meses deste ano ten colocado ás granxas de leite nunha complicada tesitura. O aumento do prezo dos pensos para alimentación do gando, dos gastos de persoal e de insumos como a electricidade e o gasoil teñen feito que as contas de gastos das granxas galegas sexan hoxe arredor dun 10 % maiores do que o eran a finais do ano pasado. Un contexto que agrava o problema de baixos prezos que as ganderías galegas xa viñan arrastrando, e que as coloca nunha difícil tesitura.

O sindicato agrario xa ten iniciado conversas co conxunto das industrias lácteas que operan en Galicia, así como coas cadeas de distribución e coa administración autonómica para abordar a situación e impulsar unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea. Actuacións que Unións Agrarias quere poñer directamente en coñecemento dos seus gandeiros para abordar con eles os próximos pasos a dar para conseguir actualizar as cotizacións do leite en orixe e acadar, por fin, tarifas que garantan o dereito dos produtores a percibir prezos xustos, tal e como estipula a propia Lei de Cadea Alimentaria.

Nos últimos días dúas industrias xa comunicaron aos gandeiros cos que traballan a súa intención de incrementar as tarifas en vigor. Unha iniciativa que a organización agraria valora positivamente; pero que, no contexto actual de suba dos custos de produción, resulta insuficiente para garantir a rendabilidade das explotacións e cumprir coa Lei de Cadea. Trátase de Pascual e Naturleite, que teñen proposto subas de 1 céntimo por litro para o último cuadrimestre de 2021 no caso da primeira; e de 2 céntimos por litro entre agosto e abril no da segunda.

A central considera necesario seguir traballando para desterrar definitivamente a venda a perdas do sector lácteo. E confía en que nas próximas semanas poidan materializarse os acordos necesarios para rematar coa mala situación que as granxas galegas veñen arrastrando e garantir a súa rendabilidade.

No último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gadeiros galegos foi de 0,324 €. Unha cifra que xa situaba ás granxas da comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción, explican desde UUAA.

23 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.