Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gastronomía, fotos e rutas emocionais como complemento a Rimartes

O proxecto de turismo experiencial contará co apoio do sector da hostalería da Costa da Morte // Foi presentado en Malpica

O proxecto colaborativo de turismo experiencial Rimartes, impulsado polos GALP Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro Sur, sumou este xoves o apoio do sector hostaleiro da Costa da Morte, logo da presentación das diferentes accións nun acto celebrado no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños.

Ademais de darlles a coñecer as liñas xerais da iniciativa, tamén se expuxeron actividades nas que poderán participar e colaborar os establecementos hostaleiros. Entre elas, un concurso gastronómico e un certame de fotografías submarinas en pecios.

Asemade, está previsto organizar rutas emocionais para achegarse ó rico legado dos naufraxios desde terra, de xeito que tamén poidan coñecer de preto esta parte da historia aquelas persoas interesadas que non o poden facer a través do mergullo recreativo.

Propostas que complementarán e encherán de contido un proxecto no marco do cal tamén se impartirá un obradoiro de paquetización turística e se celebrará un encontro con turoperadores para canalizar esa oferta, segundo informa a organización.

Ó respecto, lembran que Galicia é un dos puntos de maior concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos do Atlántico europeo. Pecios de diferentes épocas atópanse ao alcance de mergulladores de todos os niveis que buscan novas experiencias e coñecemento.

Naos da Armada do Océano ao mando de Martín Padilla, mercantes ou barcos de pasaxe, acorazados, vapores submarinos e avións de combate da II Guerra Mundial e pesqueiros afundíronse fronte ás costas desta franxa atlántica e atesouran unha historia que, desde os GALP, entenden que debe ser contada e recordada. Moitos deses pecios tamén se poden visitar.

Por iso, coñecedores deste potencial os Grupos de Acción Local Pesqueira Costa da Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro decidiron impulsar Rimartes, co que pretenden “contribuír ao desenvolvemento económico” dos seus territorios apostando por un sector con gran perspectiva como é o turismo experiencial e o buceo recreativo para todos os niveis, desde o snorkel ata o de máis dificultade en profundidades que chegan aos 40 metros.

Entre os tres GALP abarcan uns 300 quilómetros de costa e 25 concellos costeiros: Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son.

Despois dunha primeira fase centrada na documentación e catalogación de case medio cento de pecios de gran valor histórico e na promoción na feira internacional Fitur, agora traballan na edición de material divulgativo, na promoción a través das redes sociais e na elaboración dunha páxina web propia.

Nesta semana programaron catro reunións co sector hostaleiro do territorio de actuación para presentarlle o proxecto e establecer posibles sinerxias coa propia iniciativa e, en concreto, cos seis centros de mergullo colaboradores de Rimartes: Buceo Galicia, Deepteam Coruña, Nauga, Buceo Malpica, Buceo Fisterra e Mergullo Compostela. As xuntanzas celebráronse na Coruña, Fisterra e Porto do Son, e este venres serán na capital malpicana.

29 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.