Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gastronomía local e sostible dende os fogóns do Anllóns

Cinco concellos disporán de 1,5 millóns de euros para impulsar o proxecto // O obxectivo é crear un produto turístico de calidade

O Centro de Interpretación dos Muiños da Costa da Morte, situado en Golmar (A Laracha), acolleu a presentación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do proxecto Os fogóns do Anllóns, toda vez que xa é oficial a súa inclusión na Conferencia Sectorial de Turismo cunha concesión de 1,5 millóns de euros de fondos europeos.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, presidiron o acto no que participaron tamén alcaldes e concelleiros e concelleiras dos cinco concellos que forman parte do proxecto: Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, A Laracha e Ponteceso. Tamén participou persoal técnico de turismo da Deputación, dos concellos de Carballo e de Ponteceso, e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de elaborar a candidatura e realizar os diferentes reaxustes en relación aos fondos concedidos.

Convén lembrar que o proxecto Os fogóns do Anllóns está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible da comarca de Bergantiños, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para poder acceder ás súas axudas.

Os fogóns do Anllóns prevé crear unha rede de miradoiros e espazos novos, como praias fluviais; limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos, habilitar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, valorizará o sendeiro do Anllóns, de 53 quilómetros, que é o eixo nuclear deste proxecto.

Outra das accións estará orientada a explicar con realidade aumentada e códigos QR a gastronomía local, ao tempo que se incentivará o embelecemento de restaurantes, potenciaranse as feiras locais e deseñaranse rutas gastronómicas que aposten especialmente polo produtos de quilómetro 0.

Durante a xuntanza, Xosé Regueira fixo fincapé na necesidade de socializar e divulgar o propio proxecto entre a comunidade local, tanto social como económica, mais tamén en foros turísticos especializados.

accións
promoción en fitur 2023

··· Xosé Regueira anunciou que Os fogóns do Anllóns protagonizará en exclusiva un dos actos que Turismo da Deputación levará a cabo en Fitur o vindeiro mes de xaneiro. Á capital de España farán chegar voces representativas “tanto de sectores económicos como de toda a parte social relacionada co río Anllóns ao longo do seu percorrido pola comarca”.

··· O alcalde da Laracha, José Manuel López, puxo en valor a “colaboración institucional para facer realidade este proxecto” e agradeceu ao departamento provincial de Turismo o traballo realizado. Asegurou “que é unha oportunidade moi importante para Bergantiños”.

16 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.