Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
bergantiños. A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana, co apoio da Deputación, apostan por un produto turístico de calidade // Aspiran a conquerir fondos Next Generation para financiar os 2 millóns que precisan TEXTO M. Lavandeira

Gastronomía para impulsar o proxecto Fogóns do Anllóns

A gastronomía local será un dos eixos centrais que Turismo da Deputación da Coruña e os municipios implicados no Proxecto Anllóns queren para o éxito do programa, que pasa a chamarse Os fogóns do Anllóns e que este marte deu un novo paso coa reunión que mantiveron na casa do concello de Cabana os actores implicados.

Na xuntanza participaron o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, delegados dos concellos polos que pasa o río —o alcaldes de Cabana, José Muíño Domínguez; da Laracha, José Manuel López Varela; a primeira tenente de alcalde de Ponteceso, Noelia Varela; e o propio Regueira, que actuou tamén concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo-, e persoal técnico de turismo da Deputación e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de elaborar e presentar a candidatura ás diferentes liñas de subvencións. O único que non estivo representado foi o Concello de Coristanco.

Ao remate desta xuntanza celebrouse outra na que se lle presentou o proxecto ao empresariado local.

Logo de que nas dúas primeiras reunións se deixasen decididas as actuacións da diagnose medioambiental da contorna, EOSA presentou as liñas de traballo que Os fogóns do Anllóns debe asumir para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas.

En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, consideran de interese xerar unha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras do Anllóns e os seus afluentes.

PASEOS EN EMBARCACIÓNS. No relativo ao segundo eixo, a mellora da eficiencia enerxética, pretenden organizar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e oferta un alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostar polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de cincuenta e tres quilómetros que transcorren polos territorios de A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.

A transición dixital é o terceiro eixo. As accións neste caso irán orientadas a explicar —con realidae aumentada e códigos QR— a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto Os fogóns do Anllóns.

No referido ao cuarto eixo, o da competitividade, buscarán o embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto de quilómetro 0. Todas estas actuacións e outras precisas para cumprir cos baremos dos catro eixos terían un custo de 2.133.000 euros, a financiar en tres exercicios.

CALIDADE. “Para a obtención de fondos”, explicou Regueira, “imos competir con destinos con fortes proxectos gastronómicos; por iso Os fogóns do Anllóns debe ofrecer unha gastronomía potente para ofrecer un produto turístico de calidade, relevante na oferta turística fluvial non só xa da Costa da Morte, senón de toda Galiza, e que, por suposto, teña retorno no económico e sexa sostible”. Neste sentido, engadiu que “hai que potenciar produtos como o pan e as fabas de Carballo, a pataca de Coristanco, o berberecho de Baldaio, as cereixas de Paiosaco ou as angulas de Ponteceso, e as festas que se celebran arredor deles”.

Para o vicepresidente provincial, “a gastronomía debe ser unha marca de calidade do Proxecto Anllóns e implicar a todos os actores do sector da restauración, porque iso terá repercusión na economía e equilibrará as zonas norte e sur da Costa da Morte”.

Regueira anunciou que se buscarán tamén liñas de financiamento para integrar no proxecto ao sector do produto elaborado. “Parécenos interesante, nestes tempos nos que cada vez temos menos tempo para cociñar, que os lineais dos supermercados conten con produto elaborado, como as patacas conxeladas, por exemplo, da mellor calidade. Neste sentido, sería interesante que materias primas de quilómetro 0 propias dos concellos polos que pasa o Anllóns, como a pataca de Coristanco, estean dispoñibles nese formato para un público maior, porque, ademais, suporá unha mellora considerable na calidade dese produto elaborado”.

ASIsTENTES. Na xuntanza celebrada en Cabana de Bergantiños naque se lle presentou o proxecto ao empresariado da zona participaron representantes de varios aloxamentos turísticos da comarca. Asistiron responsables das empresas Surca e A Bordo de pesca e turismo náutico (Ponteceso), da Asociación de Mariscadoras do Anllóns, da Asociacion Senda Nova (Carballo), da Asociación Íntegro, Granxa A Devesa (Ponteceso) e do Restaurante Río Sil (Carballo).

04 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.