Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 07 julio 2022
08:47
h

Heredeiros da Crus animará a Festa da Xuventude de Valga

Tamén actuará Festicultores e disputaranse as Olimpíadas da Aldea: xogos de praia, brilé, cangrexo e carreiras de sacos

A mocidade de Valga prepárase para vivir o vindeiro 2 de xullo unha completa e animada Festa da Xuventude. Vaise celebrar na área fluvial de Vilarello e contará coa actuación dos recoñecidos grupos Heredeiros da Crus e Festicultores.

A emblemática banda do Barbanza Heredeiros da Crus encabeza o cartel musical da festa. O grupo liderado por Tonhito de Poi, un dos grandes expoñentes do rock en galego, acaba de iniciar a xira coa que celebra os seus 30 anos sobre os escenarios e Valga será un dos primeiros lugares no que se poida gozar co seu espectáculo, no que repasan os seus grandes éxitos e dan tamén protagonismo ao seu último álbum, Derretidos, publicado en 2019 pero cuxa promoción se viu limitada pola pandemia.

En Vilarello estarán acompañados polos Festicultores, que abrirán as actuacións musicais a partir das 22.30 horas. Os autodenominados “cultivadores de festas” ofrecerán un espectáculo dinámico combinando temas propios con cancións tradicionais versionadas ao seu estilo festivo, co que o humor, a diversión e o baile están garantidos. A banda, con 17 anos de historia, acumula máis de 850 actuacións, algunhas delas en países coma Portugal, Francia, Serbia ou Polonia, e teñen compartido escenarios con artistas coma Manu Chao, Macaco ou Gogol Bordello, entre outros.

Ademais das actuacións musicais, durante a xornada do sábado disputaranse en Vilarello as Olimpíadas da Aldea, para as que está aberto o prazo de inscrición, ata as 13.00 horas do día 1 de xullo. Poden participar equipos formados por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 6, todos a partir de 15 anos de idade. Os equipos serán mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero.

Disputaranse simultaneamente ata cinco xogos e deportes: fútbol praia, brilé, carreiras de sacos, o cangrexo e unha xincana. En cada un outorgaranse as correspondentes medallas douradas e prateadas aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros respectivamente. En total, repartiranse 1.500 euros en premios.

Unha vez rematadas as competicións, designarase ao campión absoluto das Olimpíadas, que será o equipo que máis medallas douradas acumule, explica o Concello.

24 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.