Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Historia, obradoiros, concertos e visitas guiadas no dolmen de Dombate

O Centro Arqueolóxico cabanés será o punto de partida dunha Ruta das Estrelas, o 16 de agosto, que será conducida polo catedrático baiés Jorge Mira

O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate converterase no epicentro cultural do verán cabanés grazas a unha programación marcada pola súa ampla oferta de propostas para todos os públicos.

O programa, deseñado polo Concello de Cabana coa colaboración da Deputación da Coruña, abarca desde citas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns, visitas guiadas nocturnas, actuacións musicais e obradoiros ata a Ruta das Estrelas, da man do catedrático do departamento de Física da USC, Jorge Mira.

A programación no recinto arqueolóxico dará comezo o sábado, 2 de xullo, con No tempo das pedras, a primeira das oito visitas teatralizadas da man de Os Quinquilláns. As vindeiras citas desta actividade desenvolveranse ao longo dos sábados de xullo, os días 9, 16, 23 e 30, así coma o 13, 20 e 27 de agosto. Todas elas contarán con dous pases, un inicial ás 18.00 e o segundo ás 19.30 horas.

Ademais, a música será a protagonista no dolmen grazas aos Concertos con encanto de Iria Estévez con Clave de Fa-Do, o venres 15 de xullo; do trío folk Atrio o 12 de agosto; e do Grupo de música antiga 1500 coa colaboración de Lorina Vallester do Vivid Consort, integrado no programa Contar cantando, que ofrecerán cancións e romances medievais e renacentistas o venres 26 de agosto. Todas estas actuacións terán lugar ás 22.30 horas e para asistir será preciso inscribirse chamando ao 981 754 020. Asemade, impartirase a masterclass O mundo dos instrumentos tradicionais de arco.

O prato forte da programación terá lugar na noite do martes 16 de agosto cando se celebrará a Ruta das Estrelas, unha iniciativa que incluirá unha roteiro polos montes de Borneiro a partir das 22.00 horas encabezado polo catedrático baiés Jorge Mira. As persoas participantes poderán coñecer de primeira man nocións sobre astronomía mediante a observación dos ceos cabaneses.

Ademais da programación cultural, o Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate acollerá un ano máis visitas guiadas diarias desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Do mesmo xeito, o recinto tamén recibirá visitas guiadas nocturnas, de 23.00 a 24.00 horas, os días 8 e 22 de xullo e o 5 e 19 de agosto. As persoas interesadas poderán obter máis información en www.concello-cabana.es.

A maiores destas actividades no enclave arqueolóxico, o Concello de Cabana complementará a súa oferta cultural con diversas propostas que terán lugar en distintos puntos do termo municipal.

Deste xeito, o domingo 3 de xullo, a praza de Neaño acollerá a proxección do filme Trouble ás 22.15 horas e o 20 de agosto será quenda dunha nova cita cinematográfica co visionado da película Mi amigo pony na pista polideportiva de Anos, tamén ás 22.15 h.

O 9 de xullo Borneiro será escenario novamente da popular celebración do Castro Animado, con recreacións castrexas, espectáculos circenses da man de Forzu2 de Circo Chosco, visitas animadas co Castrexo Borneiro e as actuacións musicais de O Son do Castro e Carapaus.

As romarías tamén serán un dos principais atractivos do verán cabanés cunha programación que incluirá festexos como o Carme do Briño o luns 18 de xullo coa banda de música Eduardo Pondal, o 23 de xullo en Santa María do Muíño con O Son do Castro e o 1 de agosto en San Fins do Castro, declarada de interese turístico, que contará coa música de Os Farrapos, a Coral de Cesullas, a banda Eduardo Pondal e O Son do Castro.

O 6 de agosto volverá unha das festas máis singulares de Cabana de Bergantiños, a décimo terceira edición da Tarde-Noite no Medievo, que levará á parroquia de Riobó de volta á Idade Media nunha xornada que contará con artesanía, gastronomía, xogos, a pitanza do Santo e, por suposto, co regreso das prevodas medievais. Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre será a encargada de ler o pregón, mentres que a Banda de Gaitas Inllar, a Banda de Balbina, Arredores, Os Quinquilláns, O Son do Castro e Os Farrapos serán os encargados de animar o evento.

Finalmente, o sábado 27 de agosto a praza do Lodeiro de Canduas pechará a programación cultural de verán con Alquimia II, o espectáculo do mago Teto, que terá lugar a partir das 20.00 horas.

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.