Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Dende o Concello propuxéronlle á Armada o nome de ‘Ariete Carnota’ para o futuro Buque de Acción Marítima de Intervención Subacuática // Queren que perdure no tempo o heroico rescate da dotación do destrutor que encallou en Lira en 1966 // Colectivos e particulares apoian a iniciativa TEXTO M. Torres

Homenaxe a un pobo con valentía

A historia da Armada Española está chea de feitos heroicos, pero tamén de acontecementos onde o mar ou a fatalidade puxeron a proba aos marines. Un deles foi o 25 de febreiro de 1966, xornada na que se viviu a odisea do destrutor Ariete D-36: por unha banda salvouse toda a dotación, mercé da súa preparación e, por outro, viviuse un salvamento cargado de valentía.

O Ariete, que ía de Ferrol a Cartagena, foi sorprendido por ondas de 12 metros. Chegou ata as illas Cíes, fronte a Vigo, pero o vento arrolouno e empuxouno de novo a Carnota, concretamente a Lira, 60 quilómetros ao norte. O tripulante dun petroleiro morreu ao tentar remolcalo. Tamén fracasou outra fragata, Legazpi, un de cuxos mariñeiros perdeu un brazo. Finalmente, foise cara a terra e encallou a 200 metros da costa a última hora da tarde.

Foi neste momento cando, ignorando o alto risco que corrían no medio dun bravo temporal, os habitantes desta vila arriscaron as súas vidas para salvar as da totalidade da dotación do destrutor, 168 persoas, cos escasos medios dos que dispoñían. En recoñecemento ao seu valor e ao servizo prestado, o Goberno concedeulle a esta localidade o título de Moi Humanitario, honor do que hoxe en día se fai gala e é motivo de orgullo para gran parte dos seus habitantes.

“O pobo carnotán non esquece ao Ariete e a súa dotación nunca poderá esquecer a Carnota e, en especial, ao pobo de Lira”, apuntan fontes municipais. No lugar no que se desenvolveron os feitos, na praia de Ardeleiro, preservan a memoria do sucedido un áncora cedida pola Armada, un monólito gravado co nome e a silueta do destrutor, xunto á data do accidente e un panel informativo. E, na fachada do consistorio, tamén se conserva unha placa de bronce que contén os nomes das persoas que participaron no rescate, cedida no seu momento pola Armada.

Coñecedores da inminente construción dun barco en Porto Real (Cádiz), “cuxa principal misión será o salvamento e rescate de submarinos, a realización de operacións de intervención submarina e que poderá, ademais, asumir labores de apoio a operacións navais, de intervención en accidentes no mar e a vixilancia e monitorización do patrimonio subacuático”, o Concello carnotán presentoulle no mes de marzo “unha humilde proposta” á Armada Española para dotar ao citado barco co nome de Ariete Carnota, “a fin de que perdure no tempo o heroico rescate, así como na memoria de toda a Costa da Morte e de Galicia”, sinalan as mesmas fontes.

Destacan que a iniciativa, “que xurde a nivel particular dun veciño do municipio, membro do Corpo Nacional de Policía”, é respaldada por diferentes colectivos -como as confrarías de pescadores de Lira e do Pindo e a asociación de empresarios e da hostalería de Carnota-, e levada a cabo por parte do Concello de Carnota, “co fin de honrar a memoria das persoas que realizaron aquel heroico rescate, arriscando as súas vidas para salvar a allea, sen ningún tipo de miramento”.

Segundo indicaron, “o BAM-IS terá unha eslora de 85 metros, manga de 18 e 5 metros de calado. Desprazará 5.000 toneladas e terá capacidade para 48 persoas na súa configuración estándar, aínda que con adaptacións poderá acoller ata 84”. Asemade, apuntaron que disporá dunha cuberta con heliporto na proa do buque e a plataforma de popa ofertará unha superficie destinada a acoller os sistemas modulares de intervención submarina e unha grúa de gran capacidade.

O Instituto de Historia y Cultura Naval do Ministerio de Defensa publicou, en 2003, o libro La odisea de la fragata Ariete en la Costa de la Muerte, en cuxa contraportada pode lerse que este naufraxioentra a formar parte de aquellos acontecimientos en los que el valor, la pericia y el arrojo de la gente de mar muestra más rotundamente el temple forjado en las más puras virtudes castrenses, y, particularmente, marineras”. Foi todo un milagre.

14 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.