Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe ás dúas voluntarias turcas que traballaron nove meses en Lousame

Máis de cen veciños agradeceron a implicación de Ebru e Dilara nas actividades do Punto de Atención á Infancia, o centro de día, o colexio ou os campamentos

A concelleira de Mocidade de Lousame, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, José Manuel Outeiral, presidiron o acto de despedida das dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven, que participaron durante os últimos nove meses no proxecto europeo Actividades interxeracionais de voluntariado. Un acto celebrado no auditorio da localidade e que pillou por sorpresa a ambas as dúas voluntarias, que este martes regresaron xa a Turquía.

Á despedida asistiron máis dun cento de persoas, entre voluntarios, integrantes da Uned Sénior de Lousame, do grupo O Son do Pote e do Concello que compartiron con elas estes nove meses de traballo no Punto de Atención á Infancia, o centro de día, o colexio ou os campamentos de verán. Mesmo organizaron un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés para nenos e nenas de entre 5 e 14 anos de idade.

Silvia Agrafojo aproveitou para agradecer “todo o esforzo que fixeron tanto Ebru como Dilara desenvolvendo actividades de carácter social e cultural que lles valeron o cariño de moitos veciños e veciñas de Lousame”.

diplomas e agasallos. Ademais de entregarlles o diploma acreditativo da experiencia adquirida nos últimos nove meses, Agrafojo e Outeiral agasalláronas con sendas figuras de Sargadelos: unha dun faro, en lembranza da visita realizada ás illas Cíes, e outra dun gaiteiro, polo achegamento de Ebru Karaca con ese instrumento tradicional.

De feito, o grupo O Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da Uned quixeron colaborar poñendo a música ao acto e entregándolles ás dúas voluntarias cadanseu colgante co seu nome e unha ducia de cadros elaborados por un artista local das distintas actividades nas que tomaron parte Ebru e Dilara.

sorpresa e gratitude. Moi emocionadas, as dúas voluntarias turcas só conseguiron agradecer todas as mostras de cariño. “Foi unha enorme sorpresa; quérovos a todos e vouvos botar moito de menos”, sinalou Dilara, mentres que Ebru asegurou que “sodes a miña segun-
da familia. Espero volver no verán ou o antes posible”.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de voluntariado europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios.

No ano 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova; entre 2018 e 2019 contou coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova, mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal, xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento motivado pola pandemia.

delegribeira@elcorreogallego.es

12 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.